Silleda acollerá a terceira edición do monográfico GandAgro do 13 ao 15 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPontevedraProvinciasSilleda
A-
A+
Reunión do comité

Reunión do comité

O III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014, celebrarase do 13 ao 15 de marzo. Así o decidiu o Comité Organizador do certame na súa primeira reunión, a cal tivo lugar o pasado xoves nas instalacións do recinto Feira Internacional de Galicia.

Ao encontro acudiron unha vintena de representantes de moitas das entidades e empresas máis importantes do sector agrogandeiro, estando presentes os presidentes da Federación Galega de Porcino (Fegapor), a ADS Porcina de Silleda e a Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga); e os xerentes da Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (Asoporcel), Cunigalicia, a Federación Frisona Galega (Fefriga), e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). Así mesmo, participaron distintos cargos das empresas Dismagan, Importlait, Agrícola Cacheda, Granxas Claudio, Iman, Grupo Coren, Cogal, Xenética Fontao, Agroamb Prodalt, Elmega, Protección Verde, Mapfre e Transmedia Comunicación.

Estes asistentes estiveron acompañados na reunión pola directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Patricia Ulloa, quen ostenta a presidencia do Comité; así como polo subdirector xeral de Gandería, Jorge Enrique Mourelo. Tamén da Feira Internacional de Galicia participou un equipo de traballo encabezado polo seu director xeral, Pedro Corbacho.

Esta elevada participación deixa patente o respaldo do sector e a Administración a este certame, o único do noroeste peninsular especializado en gandería e agricultura, e que en 2012 reuniu a 231 firmas expositoras e rexistrou cerca de 11.000 visitantes.

Análise, comercialización e promoción

Ademais de fixar as datas de celebración de GandAgro, no transcurso desta reunión analizáronse os resultados da pasada edición, revisáronse e aprobáronse as novas incorporacións ao Comité e presentouse o proxecto para 2014. Así mesmo, tratáronse aspectos da comercialización e promoción do evento entre potenciais expositores, que comezará nos vindeiros días

28 de setembro de 2013 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.