publicidade hoxe

Difusión da cultura e dos cantos tradicionais na nosa lingua entre os máis novos en Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNoia
A-
A+

Este proxecto musical presentado en Noia nace no marco das axudas que Cultura e Educación concede cada ano ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega e, neste sentido, da cultura da nosa comunidade. O Concello de Noia, que recibiu unha axuda de preto de 2.000 euros dentro da modalidade dos programas de dinamización lingüística, decidiu crear este novidoso musical infantil.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do musical infantil ‘A Banda do Berberecho’, unha iniciativa subvencionada polo departamento autonómico e que ten como obxectivo promover entre o público máis pequeno a cultura e os cantares máis tradicionais da nosa terra e na nosa lingua. Ao concerto tamén asistiu o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, e demais membros da corporación municipal.

Bonecos xigantes e mariñeiros

‘A Banda do Berberecho’, que actuou no marco da Festa da Empanada e do Ripote, está composta por bonecos xigantes cuxa temática fai referencia á tradición mariñeira, un sector esencial na economía da vila noiesa. Así, os bonecos da agrupación fixeron participar ao público da Praza do Tapal, conformado por pequenos e maiores, das cancións típicas galegas, cumprindo así o obxectivo desta iniciativa: promover a cultura galega e os cánticos populares entre os máis novos.

8 de setembro de 2013 | 21:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.