publicidade hoxe

Catoira presenta o “Decálogo do bo estudante e do bo deportista” nun congreso internacional en Santander

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal
A-
A+

O innovador proxecto educativo “Decálogo do bo estudante e do bo deportista” foi seleccionado para ser presentado nunha comunicación oral no I Congreso Internacional de Ciencias de la Educación y del Desarrollo que se celebra entre o 8 e 11 de outubro en Santander.

O técnico municipal, Manuel Isorna, será o encargado de expoñer ante os asistentes ó Congreso os fundamentos, obxectivos, método, resultados e conclusións do programa educativo que se puxo en marcha o pasado curso en varias aulas de Primaria e Secundaria.

No Congreso participan expertos de EEUU, Reino Unido, Dinamarca, Holanda, Brasil ou Portugal, e está organizado pola Fundación General UGR-Empresa e a Universidade de Granada, contando coa colaboración de dous ministerios e máis de 60 entidades.

Unha forma de motivar ó alumnado

O Concello de Catoira, a través do Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias, implantou o pasado curso no CPI Progreso de Catoira este innovador programa baseado en dous decálogos: Decálogo do bo estudante (DBE) e Decálogo do bo deportista (DBD). Con este programa preténdense, por unha parte, inculcar e resaltar os valores e actitudes do deporte (cooperación, sacrificio, solidariedade, honestidade, superación, esforzo…) ligados ós propios persoais, ó tempo que se fomenta a adhesión á práctica deportiva, e, co decálogo do bo estudante, conxugar a motivación intrínseca (sentir curiosidade e interese polos contidos e recoñecemento social) e extrínseca (incentivos externos, recompensas) para mellorar o rendemento escolar.

O programa contemplaba tamén actividades que implicaban ás familias dos alumnos, que realizaron e documentaron fotograficamente actividades deportivas e culturais en común con algún membro da súa familia, instantáneas que se mostraron nun mural no Edificio Multliusos.

Baseándose nas dez máximas que recolle cada decálogo, os propios compañeiros elixiron dentro da súa aula os deportistas e estudantes que mellor cumpriron os obxectivos do programa. O 21 de xuño celebrouse no Edificio Multiusos un acto no que os alumnos/as elixidos recibiron un título honorífico e un lote de material deportivo e escolar, respectivamente. A este acto asistiu o padriño desta primeira promoción, o prestixioso científico Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal pola Universidade de Satiago de Compostela, director da Fundación Pública Galega de Xenómica e coordinador do Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-ISCIII).

Durante este curso, o Programa seguirase implantando nas aulas do CPI Progreso de Catoira.

27 de setembro de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.