7 proxectos xuvenís nas comarcas do Deza e Tabeirós perciben 25.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCerdedoLalínLocalPontevedraProvinciasSilledaVila de Cruces
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar está a financiar este ano con preto de 25.000 euros un total de 7 proxectos xuvenís nas comarcas do Deza e Tabeirós, a través da convocatoria de axudas ‘Iniciativa Xove’.

Unha destas actuacións é a que está a desenvolver o grupo informal da Estrada ‘Dedal Xove XXI’. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos seus membros e coñeceu de primeira man o proxecto que desenvolven. Trátase duna iniciativa relacionada co deseño de moda e complementos que pretende converterse nun proxecto empresarial.

Rodeiro explicou que a través de ‘Iniciativa Xove’, o Goberno galego sufraga ata o 100 por cento dos proxectos de interese que presentan os mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 4.000 euros.

“É unha ferramenta que permite descubrir e potenciar o talento xuvenil”, apuntou Rodeiro, quen subliñou que con este programa, no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, dáse á mocidade galega a oportunidade de organizar, emprender e impulsar actividades, onde os actores principais son os propios mozos, “sen intermediarios”.

Todas as entidades e grupos aos que se lles concedeu este ano esta axuda recibiron un anticipo do 80 por cento sobre o total. “Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías, o que evita que a posible falta de liquidez sexa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas”, explicou o director xeral.

Por último, Rodeiro referiuse a outros proxectos que se están a financiar nas comarcas de Deza e Tabeirós. Así, en Silleda os mozos e mozas do grupo informal ‘O punto de encontro’ están a realizar actividades para facilitar a integración das persoas con discapacidade e a asociación cultural ‘O Son da Fervenza’ realiza unha romaría popular.

En Lalín, o grupo ‘Monitorado activo’ está a desenvolver un campamento para a formación de monitores e ‘Lalín marcha’ leva a cabo un proxecto de ocio alternativo para as noites de fin de semana.

En Vila de Cruces, ‘Mozos activos’ leva a cabo xornadas de convivencia onde se informa de hábitos de vida saudables.

En Cerdedo, os integrantes de ‘O Eirado’ realizaron o ‘Verán cultural’ con charlas e obradoiros.

‘Xplora Xuventude’

Rodeiro visitou aos membros de ‘Dedal Xove XXI’ na carpa informativa ‘Xplora Xuventude’ que estará hoxe na Estrada ata as 21,00 horas na Praza da Constitución. Esta iniciativa ten como obxectivo proporcionar información e asesoramento á mocidade e forma parte dunha campaña informativa, promovida polo departamento autonómico, que tenta achegar a pé de rúa os distintos programas e recursos destinados a mocidade, aproveitando a celebración de eventos con gran afluencia de público.

Os mozos interesados poden acceder, dentro desta instalación, a diversos contidos de interese, e contan co asesoramento e información de técnicos da Rede galega de dinamización xuvenil. A carpa tamén serve como un espazo para que grupos de mozos e mozas, así como entidades xuvenís, poidan amosar as súas actividades e propostas, a modo dun escaparate do talento xuvenil. Esta iniciativa está a percorrer un total de 40 concellos galegos co obxectivo de difundir os distintos recursos dirixidos á xuventude.

13 de setembro de 2013 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.