50 cans da elite mundial participarán no Campionato do Mundo Rottweiler IFR-WM 2013 en Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaSilleda
A-
A+
Presentación do certame

Presentación do certame

A Feira Internacional de Galicia acolleu a presentación oficial do Campionato Mundial de Rottweiler 2013 na modalidade de Traballo, o cal reunirá neste recinto feiral os vindeiros días 18, 19 e 20 de outubro a cerca de 50 cans da elite mundial desta raza para loitar polo posto de Campión do Mundo.

No acto estiveron presentes o director da Feira Internacional de Galicia, Pedro Corbacho, quen destacou o feito de que o recinto fora escollido para un evento de tal importancia; o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, o cal expresou a súa satisfacción pola repercusión que terá no Concello; e o vicepresidente do Club Rottweiler de España e encargado da Comisión de Traballo, Xabier Castro, quen subliñou a  transcendencia do Campionato e cualificou ás instalacións do recinto feiral como “as mellores de Europa” para un evento deste tipo.

A competición, que non se celebra en España dende o 2004, é un dos maiores eventos da Federación Internacional do Rottweiler (IFR), e estará organizada polo Club Rottweiler de España (C.R.E), ao cal lle concederon a súa celebración no país para este ano 2013. O último Campionato tivo lugar en 2012 na localidade alemá de Rottweil, mentres que en 2011 se celebrou en Piacenza, Italia. Para 2014 xa está programado en Suíza.

Desenvolvemento do Campionato

Os cans asistentes competirán ao máximo nivel en tres disciplinas: Obediencia, Defensa e Rastro. A primeira delas incluirá seguimento do can ao seu guía sen correa, sentarse, deitarse, acudir á chamada e recoller obxectos, mentres que a Defensa constará de rexistro de acochos, detención do figurante (malfeitor) e defensa do guía. Pola súa banda, no Rastro os cans deberán detectar 3 obxectos de tamaño pequeno e distinta textura pasada unha hora da súa colocación nun recorrido de 600 pasos e 6 ángulos rectos en campo aberto.

Segundo o programa do Campionato, o venres 18 os participantes pasarán un control veterinario e realizarán os adestramentos oficiais, celebrándose ademais o sorteo das quendas de participación, a selección dos figurantes e a inauguración oficial do evento. O sábado e o domingo levaranse a cabo as probas de Obediencia e Defensa no estadio da Feira Internacional de Galicia, e de xeito simultáneo os traballos de Rastro en fincas de Silleda e Agolada.

O Campión do Mundo será aquel can que acade máis puntos na suma das tres disciplinas. O xulgamento dos participantes correrá a cago de tres xuíces, a española Begoña Lozano, o portugués Paolo Picariello e o alemán Benno Galonska.

Segunda cita co Rottweiler na FIG

As completas instalacións da Feira Internacional de Galicia e a súa versatilidade fan que a celebración deste campionato mundial sexa a segunda ocasión na que acolle unha competición de relevancia no mundo do Rottweiler.

Así, no recinto xa tivo lugar o XVII Campionato de Traballo do Club Rottweiler de España (C.R.E), o cal se celebrou os días 13 e 14 do pasado mes de abril, e no que resultou vencedora a cadela Felina Aus Der Espensätte, de Rivas-Vaciamadrid, xunto con su guía María Asunción Gómez Villarroya.

 

27 de setembro de 2013 | 15:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.