Preséntase no Centro Gallego de Santander a silledense Festa da empanada da Bandeira

Presentación en Santander do festexo gastronómico
Coincidindo coas Festas de Santiago 2013 tivo lugar no Centro Gallego de Santander a presentación a nivel nacional da famosa “Festa da Empanada de Bandeira”, festa oficial do Concello de Silleda (na provincia de Pontevedra).
Nun acto moi emotivo estiveron presentes no evento membros da Corporación municipal deSilleda, co seu recén elixido alcalde Manuel Cuiña, o presidente da Asociación Amigos da Empanada Diego Cuiña, acompañados pola ex-alcaldesa e actual senadora nacional Paula Fernández; en representación do Concello de Santander, estiveron presentes no acto as concelleiras Carmen Ruiz, Virginia Lavin e o concelleiro Alfonso Tomé, nun acto que estivo presidido polo presidente e vicepresidente do centro galego na capital cántabra, José Antonio Otero e Clemente González, que na súa calidade de mandatarios e representantes da comunidade galega na cidade santanderina expresaronlle á actual nova e dinámica Xunta Directiva da “Asociación Amigos da Empanada de Bandeira os seus desexos de éxito na consecución do obxectivo de acadar o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.
Ao termo da presentación o grupo de gaitas do Centro Gallego “Airiños da Terra” interpretou o himno Galego, logo do cal na sala de exposicións do Centro Gallego procedeuse á inauguración dunha interesante mostra de carteis, que ilustraban de forma gráfica o longo camiño xa percorrido ata chegar á súa XXXIX edición.
O acto pechouse cunha degustación das saborosas empanadas traídas expresamente dende Bandeira para este evento, acompañadas dun bo viño do Ribeiro e, como recordo, presentouse o cartel que fai alusión á presentación realizada en Santander e tirouse a tradicional foto de familia.











