publicidade hoxe

G10 e Patacón resultaron os vencedores do II Trofeo Golfo Artabro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaAresDeportesFerrolLocalSada
A-
A+

A pasada fin de semana celebrouse o II TROFEO GOLFO ARTABRO para a clase Crucero, organizado polo Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Sada e Real Club Náutico da coruña conxuntamente.

Os vencedores na clase A

Os vencedores na clase A

O domingo celebrouse a terceira e última proba desta regata co percorrido Sada – Coruña, cun total de 13 millas náuticas para a clase “A” (os máis grandes da frota), e 9 millas para a clase “B”. A saída deuse cunha hora e media de atraso pola falta de vento, pero ás 14.00 horas comezou a soprar vento do nordés 9 -11 nós de intensidade, que despexou o ceo de nubes, comezando a proba ás 14.30 horas. Ambos os dous percorridos comezaban ao norte do dique de abrigo do porto de Sada, pero os barcos grandes dirixíronse cara á baliza cardinal do Porto Exterior de Ferrol e os pequenos irían cara á Isla de La Marola. Coa marea subindo, as correntes máis fortes concentrábanse no centro da ría, polo que os barcos grandes se dirixiron cara á marxe dereita da ría en busca da entrada da ría de Ferrol, mentres que os pequenos se decantaban pola marxe esquerda, pegados ao porto de Lorbé, en busca de augas menos profundas onde o efecto da corrente en contra era menor. Na saída da ría de Sada, o vento mantívose do noroeste, facendo a navegación rápida cara a Coruña. O primeiro barco en cruzar a liña de chegada foi o “Hansa” de Julián Ojea, que cunha navegación impecable se impoñía tamén na proba en tempo compensado por diante do “Riás” de Ramón Carnota. En categoría “B”, a vitoria da proba foi para o “Zamborela” do Club Náutico de Ares, patroneado por Pepo Nieto, por diante do “Argallán” de Domingo Plana e do “Patacón” de José Ubago, o máis regular durante os tres días de regata.

Tras 3 días de navegación, co “Trofeo Concello de Ares” celebrado o venres en Ares, o sábado o “Trofeo Turismo de Sada” celebrado en Sada, e a última proba celebrada na baía coruñesa, a clasificación xeral final en clase “A” queda liderada polo “GDIEZ” de Pepe Naya, do CN Ares con 6 puntos (2-1-3), por diante do “O RIAS” de Ramón Carnota con 7 puntos (1-4-2) e en terceira posición “HANSA” de Julián Ojea con 9 puntos (5-3-1), ambos os dous do RCN Coruña.

En clase “B”, xiro na clasificación xeral, que durante as dúas primeiras xornadas estaba claramente liderada polo “ELEA” de Manuel Veloso con dúas vitorias parciais, pero unha picada nesta última proba, unida a unha manobra na entrada do Porto da Coruña para evitar a saída dun petroleiro, o relegaron á sétima praza desta última proba, perdendo a vitoria global. Na xeral final, vitoria do máis regular, o “PATACON” que a pesar de non gañar en ningunha proba, sempre estivo en postos de podio, con 8 puntos (3-2-3), segundo o “ELEA” de Manuel Veloso con 9 puntos (1-1-7), e terceiro clasificado o “ZAMBORELA” do Club Náutico de Ares.

Ao finalizar a proba do domingo, de mans de Javier Ojea, Vicepresidente do RCN Coruña, Antón Pellejero, Comodoro do RCN Coruña, e Julián Ojea, Vogal de Vela do RCN Coruña, realizouse a entrega de trofeos aos vencedores da etapa Sada – Coruña, e da xeral final dos tres días, no Pañol do RCN Coruña.

26 de agosto de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.