Un curso de verán da Universidade de Santiago examinará en Riveira o influxo da imprenta e as estampas na arte galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+
Presentación do curso

Presentación do curso

O Centro Cultural Lustres Riva vai acoller entre os días 22 e 24 de xullo un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela titulado “A Tradición Impresa. A arte galega a través da imprenta, as bibliotecas e as estampas”.

Para presentar o evento compareceron na Casa Consistorial  a concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya (o Concello de Riveira colabora no financiamento do curso); a directora do Museo do Gravado de Artes, Rocío Hermo; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso Montero; e o profesor de Historia da Arte desta mesma facultade, José Manuel López Vázquez.

Monterroso Montero recoñeceu que a idea de celebrar este curso en Riveira parte da vinculación da institución académica co Museo do Gravado de Artes (que alberga “unha das grandes coleccións de estampas e gravados que hai en Galicia”), así como polo   significativo patrimonio existente na comarca de Barbanza, tanto na vertente arousana como na da ría de Muros-Noia.

Segundo manifestou o decano, tres son os eixes que marcan a estrutura da acción: a historia da biblioteca e da estampa; as estampas, textos e imaxes como fundamentos da obra de arte e, en terceiro lugar, o patrimonio, a memoria e a imaxe gráfica.

Grupo Iacobus

O programa estará formado por 17 conferencias impartidas tanto por xente “veterana e recoñecida” como outra máis xoven que forma parte do grupo de traballo Iacobus.

José Manuel Lopez Vázquez remarcou que este será un dos poucos cursos programados para o verán que están homologados como curso de formación para o profesorado de ensino medio, o que lle aporta un interese engadido. Tamén outorga créditos transversais dentro do Plan de Bolonia para os estudantes universitarios.

Pola súa parte, a edil Maricarmen Vizcaya expresou a satisfacción da Concellería de Educación por poder colaborar neste curso, que se suma a outras iniciativas de verán similares postas en marcha en Riveira tanto o ano pasado como no presente a través da USC e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo.

O prazo de inscricións remata o día 12 de xullo. Ata agora hai unha vintena de persoas anotadas, procedentes de lugares como Mondoñedo, Ribadeo, Lugo ou a comarca barbanzana. O límite máximo son 60 prazas.

2 de xullo de 2013 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.