O gañador do IV concurso de novela curta de Riveira será desvelado nun acto público o 5 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Mañá venres, día 5 de xullo, é a data escollida para desvelar o nome do autor ou autora que se fixo co Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira na súa cuarta edición.

Este acto será de carácter público e terá lugar a partir das 20.30 horas no salón de plenos do Consistorio Local. No mesmo, a persoa gañadora recibirá de mans do alcalde Manuel Ruiz o cheque de tres mil euros con que se distingue o premio, ademais da publicación da novela na editorial Xerais.

Foron 23 o número de obras presentadas nesta convocatoria, unha cifra nunca alcanzada en anteriores edicións. O xurado, presente na súa maior parte no acto de mañá, está integrado por Manuel Bragado Rodríguez, editor de Xerais, María Goretti Fariña Caamaño, gañadora do certame na anterior edición; Cipriano Fernández Fernández, escritor e profesor; e Alicia Padín Otero, responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Riveira. Actúa como xurado –con voz pero sen voto- José Antonio Otero Sobrido, arquiveiro municipal.

Este concurso naceu no ano 2006 co gallo de conmemorar os 100 anos da cidade de Riveira e sirve para difundir e potenciar a lingua galega na sociedade. As obras presentadas contan cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 e están escritas en galego.

Nas tres primeiras edicións gañaron Begoña Paz (con “As mellores intencións”), Ignacio Silva (con “Vértixes”) e María Goretti (con “Orlando pendurado”.

4 de xullo de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.