O festival de fin de curso do alumnos de danza contemporánea de Riveira permitirá demostrar o seu talento

Presentación do festival de danza
Os 25 alumnos que están asistindo á Escola Municipal de Danza Contemporánea de Riveira van demostrar este sábado todo o seu talento e bo facer nun Festival de Fin de Curso que terá lugar a partir das 20.30 horas no Auditorio Municipal.
A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o director da Escola de Danza Contemporánea, Vicente Colomer, explicaron as características deste acontecemento artístico, que estará composto dun total de sete coreografías.
A música será moi variada, abarcando “dende Milladoiro ata Vivaldi”, segundo informou Colomer Bussoms, quen advertiu que o repertorio tamén incluirá un fado ao ser este xénero unha das súas debilidades.
O profesor de danza cualificou ao espectáculo como “moi dinámico e sorprendente” e destacou a aprendizaxe lograda polos alumnos ao longo do curso: unha loanza á que se sumou tamén Elvira Pisos, quen remarcou tamén o intenso traballo dos rapaces durante esta semana para preparar o festival.
Os 25 alumnos que se subirán ao escenario teñen idades comprendidas entre os 5 e os “vintetantos anos”. Tamén estiveron a asistir á escola outras quince persoas de maior idade (entre os trinta e os cincuenta) , simplemente pada disfrutar da danza e do seu corpo.
Vicente Colomer lanzou un último desexo de que a xente que acuda ao festival “se sente na butaca e se deixe levar”. Como sempre, o acceso será libre e gratuíto.











