publicidade hoxe

O consorcio As Mariñas buscará ampliar a recollida de lixo a domingos e festivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoArteixoBergondoBetanzosCambreCarralCulleredoLocalOleirosSada
A-
A+

O Consorcio As Mariñas entrará en conversacións coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixos, CESPA, co obxecto de ampliar os días de prestación do servizo. Así o acordaron os alcaldes dos Concellos que conforman o ente no pleno celebrado o pasado mércores. O motivo desta petición procede da necesidade detectada de que se efectúe a recollida os domingos e festivos do verán, dadas as numerosas festas que teñen lugar na bisbarra esas xornadas e a gran cantidade de residuos que se xeran.

O Consorcio remitiu aos Concellos o deseño dos itinerarios de recollida nestas xornadas para que poidan propoñer cambios e adaptalos ao máximo ás necesidades de todos os municipios. Ademais, o Consorcio solicitará á empresa que tamén se amplíe a recollida a domingos e festivos esporádicos ao longo do ano pola realización de determinados eventos que así o requiran.

O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, foi o interlocutor nomeado polo pleno para levar a cabo as conversacións coa empresa. A súa intención é que a recollida en domingos poida comezar “canto antes”.

Ademais, os Concellos acordaron en pleno a continuación do lavado manual dos colectores, dados os bos resultados obtidos o pasado ano. Trátase do único método efectivo ao 100% para deixar os colectores limpos.

Dende que se implantou, os Concellos notaron que remitiron sensiblemente as queixas cidadás por malos olores.

Con estas medidas, o Consorcio As Mariñas busca incrementar a calidade do servizo “para satisfacer as principais necesidades dos veciños”..

16 de xullo de 2013 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.