As rúas de Santa Uxía de Riveira acollerán a procesión de San Cristóbal
Despois do éxito acadado o ano pasado pola Procesión de San Cristóbal, que contou coa participación dun centenar de vehículos engalanados para a ocasión, a organización está máis animada que nunca á hora de poñer en marcha esta segunda edición da nova andadura, tras recuperar unha tradición que non se celebrara durante 28 anos.
O evento terá lugar o domingo día 14 de xullo, segundo avanzaron hoxe a vicepresidenta e a secretaria da asociación Alfaia, María José Carreira e Puri Cores, as cales estiveron acompañadas da concelleira de Cultura Elvira Pisos.
Tal e como explicou a edil municipal, a xornada dará comezo ás 10 horas cunha ruada a carga do grupo de música tradicional A Gandaina de Palmeira. Ás 12 do mediodía terá lugar a concentración de vehículos no Malecón, en tanto que media hora despois oficiarase unha misa solemne na igrexa de Santa Uxía, cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira.
Unha vez rematada a eucaristía terá lugar a esperada procesión, primeiro a pé entre a Igrexa e o Malecón, e despois cos vehículos participantes por García Bayón, Padín, rúa da Barreira, Miguel Rodríguez Bautista, Rosalía de Castro e praza de Otero Goyanes.
Agradecemento á familia Fernández Pérez
A organización fixo un chamamento á veciñanza para que se sume a este acontecemento e agradeceron á familia Fernández Pérez que tivera cedida imaxe de San Cristóbal que se transportará na procesión.
Tamén tiveron palabras de eloxio ao párroco Cesáreo Canabal, quen compuxo unha nova oración que figurará na estampa do santo, e tamén se salientou dende a Asociación Alfaia a colaboración do Concello de Riveira e de Protección Civil.











