Unha exposición de arte floral adornará a praza do Concello de Riveira no programa de xuño da cultura e as artes
Mañá sábado o Xuño da Cultura e as Artes chega ao seu ecuador coa celebración dunha decena de actos.
O programa do día inclúe unha xornada de inchables en Aguiño organizada pola asociación Francisco Lorenzo Mariño coa colaboración do Concello. Desenvolverase no adro da Igrexa, de 11.30 a 14 e de 16.30 a 18.30 horas. A entrada é libre e gratuíta.
A parroquia de Artes prosigue coas súas festas. Ás 13 horas haberá unha misa solemne e procesión na honra da Virxe do Carme, en tanto que pola noite terá lugar unha gran verbena coa actuación dos conxuntos Impacto e Nuevo Ritmo. Organiza a Comisión de Festas de Artes.
Sábados de Libro
Por outra banda, a Biblioteca Municipal situada no Centro Cultural Lustres Rivas dará cabida ás 12 do mediodía a unha nova función dos Sábados de Libro. Nesta ocasión, a escritora María Canosa Blanco ofrecerá un espectáculo infantil titulado “Creamos historias”, para nenos e nenas a partir dos dous anos.
Nacida en Cee en 1978, María Canosa é autora entre outras obras de “Bramido Maino”, “A pedra de seixo”, “Á espreita na penumbra”, “Leo era un león”, “As tartarugas de verán”, “Faíscas”, “A tartaruga de Martiño” ou “Ronca o mar”. Desde setembro de 2011, ocupa o posto de experta en letras no concurso “Cifras e Letras” da TVG.
Entre as 11.30 e as 13.30, terá lugar na praza do Concello unha exposición de arte floral a cargo dos alumnos do obradoiro da asociación Francisco Lorenzo Mariño, que está amenizada coa música tradicional da asociación A Gandaina. Como aliciente, a cada persoa que se achegue se lle entregará un agasallo floral ata esgotar existencias (150 unidades).
Bar Brétema
O bar Brétema vai dar cabida a tres actividades: ás 12 horas, unha degustación de produtos do mar e unha exposición de papiroflexia; e ás 16.30 horas, un torneo de xadrez.
O Auditorio de Riveira será escenario ás 19 horas dunha nova función da VI Mostra de Monicreques Ti-ti-ritando de Emoción, coa actuación de Trompicallo co espectáculo “Jiñol”. Está dirixido a todos os públicos e a entrada é libre e gratuíta ata encher aforo.
Por último, e baixo a organización da asociación Amas de Casa, a praza de España será escenario ás 20 horas dunha demostración e clase aberta de zumba. Mónica Sanlés será a profesora.











