Un itinerario turístico fluvial de 5 km. permitirá poñer en valor o patrimonio natural e etnográfico do río Arlés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

No día de hoxe, xoves 13 de xuño, dá inicio o prazo de exposición pública do proxecto de recuperación integral do río Arlés e do seu entorno, unha das actuacións que inciden no ámbito rural dentro das englobadas no Proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER.

Co fin de proporcionar un mellor coñecemento aos veciños sobre os detalles deste proxecto, celebraranse reunións informativas nas sedes das comunidades de montes das tres parroquias afectadas: Olveira, Artes e Oleiros.

De igual xeito, e de acordo co BOP de onte, os interesados en coñecelo  teñen 20 días para supervisalo tanto no Concello de Riveira como nas oficinas do Servizo Territorial Zona Centro de Augas de Galicia.

En canto ao proxecto en si, que foi elaborado pola empresa consulta Hidria, cómpre destacar que a actuación principal, e que se erixirá en vertebradora do resto, vai ser a creación dun itinerario turístico fluvial consistente nunha senda de 4.909 metros de lonxitude que descorrerá paralela á conca do río. Realizada nun material respectuoso co entorno, esta senda estará disposta entre a confluencia do río coa estrada DP-71303 (a vía que pasa fronte ao campo de fútbol de Oleiros) e a DP-71304 (que vai de Xarás ao Olveira cruzando Artes).

Outras accións previstas son a limpeza e desbroce na parte máis alta do río doutros 3.166 metros a maiores, nos que se insinuará un percorrido delimitándoo coa colocación de fitos cada 50 metros; o acondicionamento dos camiños, viais e estruturas existentes no transcurso da senda e a instalación de pasos elevados para salvar zonas de rego e pequenos regatos.

Área de lecer

No curso baixo do río, é dicir, o que conflúe coa estrada DP-7304 ao seu paso por Artes, crearase unha área recreativa con zona de descanso e esparcimento. Alí serán habilitadas prazas de aparcamento e construirase un parque biosaudable con máquinas que permitirán o exercicio físico a persoas de calquera idade. Tamén se reservará un espazo para merendeiro con mesas e bancos de madeira.

Ademais, activarase un plan de sinalización, orientación e divulgación do patrimonio natural, etnográfico, cultural e paisaxístico, instalando paneis de situación e acceso (indicativos da distancia dende núcleos rurais próximos como Sirves, Bretal, Axeitos, Oleiros ou Os Muíños), e situando mesas interpretativas ao longo da senda con referencias aos usos do chan, flora e fauna, ao patrimonio do entorno, etc…

13 de xuño de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.