Un grupo de actos promovidos por servizos sociais pretende recuperar a memoria das tradicións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Charla Ledicia Lustres Viturro

Charla Ledicia Lustres Viturro

No marco do Xuño da Cultura e as Artes, a Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social de Riveira organizou unha sección denominada de forma xenérica Memoria das Tradicións coa que se pretende poñer en valor os saberes e mitoloxías da tradición oral e do patrimonio cultural de Riveira.

Esta acción deu cabida esta mañá na Casa do Mar de Santa Uxía a unha primeira conferencia dun ciclo de tres que foi ofrecida pola historiadora Ledicia Lustres Viturro, unha experta no patrimonio da bisbarra que é autora de obras como “O patrimonio etnográfico e arqueolóxico de Barbanza e Porto do Son” (publicada inicialmente polo Concello de Riveira e despois pola Deputación da Coruña nunha edición revisada e ampliada).

A ponencia de Ledicia Lustres xirou en torno ao patrimonio histórico-artístico e etnográfico de Riveira, incidindo nos usos, costumes e tradicións do municipio. Asistiron un centro de veciños, entre os cales se atopaban alumnos e alumnas do IES Nº1.

Continuando con este ciclo de charlas, mañá ás 11 horas a Casa do Mar será escenario na conferencia “Historia e Mitoloxía da Enseada de Corrubedo, Sálvora e As Lagoas polos Montes de Area. A Memoria Mercullada”, a cargo da arqueóloga Ana Filgueiras Rei. O mércores, nos mesmos lugar e hora, a dietista e nutricionista Áurea Casais falará dos “Xantares Saudables na Cociña Tradicional”.

Serán da Fonte Navegante

Unha das más interesantes actividades incardinadas na Memoria das Tradicións e o Serán da Fonte Navegante, que terá lugar na praza do Ourense o xoves 6 de xuño pola tarde.

Esta iniciativa combinará teatro, música e espírito festivo e está aberta á participación de todos os veciños, aos que se lles recomenda acudir con roupa branca e/ou negra e traer algún instrumento de percusión tradicional (pandeireta, cunchas, lata de pementón, bombo, tambor…).

Os que queiran intervir activamente no Serán están convocados ás 18.30 horas e os que simplemente queiran presenciar esta festa, poden facelo a partir das 19 horas.

A acción está organizada por Servizos Sociais e o obradoiro de Pandeireta do colexio Bayón, e conta coa colaboración das asociacións Alfaia, Amas de Casa e Bailadela; os grupos de música tradicional Os Jalochos e Rebuldaina e o obradoiro de pandeireta dos maiores do Concello de Riveira.

Por último, o día 14 de xuño ás 18 horas desenvolveranse os actos de clausura dos obradoiros do Programa de Dinamización e Promoción Social dos nosos Maiores.

3 de xuño de 2013 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.