Un equipo formado por 39 socorristas velará pola seguridade dos bañistas en máis praias que nunca no municipio de Riveira

Equipo de socorristas
A praia urbana de Coroso foi o escenario escollido polo Concello para a presentación do Servizo de Salvamento e Socorrismo de Riveira: un dispositivo de vixilancia dos areais do municipio que comezará a actuar mañá sábado e prolongará os seus traballos polo menos ata o día 6 de setembro.
A carón precisamente da caseta dos socorristas situada no citado areal, o concelleiro de Seguridade e Mobilidade Cidadá, Víctor Reiriz, describiu as principais características do servizo, o primeiro que se vai poñer en funcionamento na comarca de Barbanza, o que terá máis efectivos e que velará pola seguridade de máis praias que nunca en Riveira.
Así, o equipo estará conformado por un total de 39 efectivos (5 deles profesionais pertencentes á empresa de coordinación) que actuarán en doce praias. Tres delas nunca contaran antes con este servizo: Castiñeiras, Os Mosqueiros e O Prado (as outras nove son A Corna, Río Azor, Coroso, O Touro, Ameixida, Castro, A Catía, O Vilar e A Ladeira).
Horarios
Por outra parte, Coroso, O Vilar e A Ladeira terán un horario de vixilancia ininterrompido de once da mañá ata as nove da noite, en tanto que nas demais praias funcionará dende as tres ata as oito do serán. Estes horarios foron determinados tras un traballo de análise das afluencia de usuarios rexistrada nos últimos anos nos distintos areais.
Coordinación profesional
Os cinco responsables da coordinación pertencen á empresa Move, que foi a que presentou a mellor proposta tanto técnica como economicamente, segundo quixeron enfatizar Victor Reiriz e o tenente de alcalde Juan Luis Martínez (tamén presente na presentación). Javier Vilas e Hugo Lorenzo serán os coordinadores e haberá ademais tres xefes de praia.
Javier Vilas (quen destacou a gran preparación física demostrada polos 34 socorristas nas probas efectuadas no Vilar) cualificou de pioneiros na comarca os protocolos de actuación que van poñer en marcha este verán en Riveira e situaron a calidade do equipo reunido á altura do que poden ter outras cidades con maior dispoñibilidade económica, como A Coruña ou Ferrol.
Tamén estivo presente Alfonso García como representante da empresa, quen manifestou a honra que lle supón a Move poder coordinar o servizo dun municipio tan senlleiro turisticamente como é Riveira.
Semana Santa
A presentación deu pé tamén ao anuncio por parte de Víctor Reiriz da creación dunha Bolsa de Socorristas. Esta iniciativa ten o obxectivo de poder dispoñer por parte do Concello dunha listaxe de profesionais acuáticos aos que poder recorrer cando as condicións meteorolóxicas fagan aconsellable a vixilancia das praias. Ademais de nos meses habitualmente de calor, a idea é que esta Bolsa tamén estea operativa noutras datas puntuais, como Semana Santa. Activarase no vindeiro mes de setembro.
Por último, hai que dicir que todas as praias están perfectamente equipadas e cinco delas balizadas (Castro, Catía, A Corna, Coroso e Río Azor).











