Riveira adopta disposicións para preservar a presenza da especie píllara das dunas no areal urbano de Coroso

Área de preservación
O Concello de Riveira informa de que determinadas zonas do areal urbano de Coroso estanse a erixir en lugares de nidificación da píllara da area ou das dunas (Charadrius alexandrinus L.; en castelán, chorlitejo patinegro): unha ave limícola de pequeno tamaño que vai ser obxecto dun plan de conservación a iniciativa da Xunta de Galicia (o proxecto, xa elaborado, está actualmente en fase de tramitación).
Por tal motivo, e co fin de preservar o hábitat en que cría esta especie, o Concello xa deu instrucións á empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza para que, ante a chegada da época de verán, substitúa a limpeza mecánica por outra de tipo manual nas áreas afectadas pola nidificación (este proceso biolóxico adoita ter lugar entre o mes de marzo e mediados de xullo).
Así mesmo, o Concello quere solicitar aos usuarios da praia de Coroso que respecten estas zonas e se absteñan na medida do posible de transitar por elas. Existen in situ paneis informativos advertindo da nidificación.











