Recepción oficial no Concello ao Atlético Riveira polo seu ascenso a preferente

Recepción do rexedor ao Atlético Riveira
O alcalde Manuel Ruiz Rivas recibiu onte pola tarde en acto oficial aos integrantes do Atlético Riveira con motivo do seu ascenso á categoría Preferente Autonómica. Xogadores, corpo técnico e directiva acudiron ao salón de plenos para asistir a este acto, no que tamén estivo o concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez Queiruga.
O presidente do Atlético Riveira, Alberto Villaverde, sinalou durante a súa intervención que o club comezou a tempada de forma dubitativa, pero que con traballo, esforzo e ilusión, conseguiu remontar ata lograr o desexado ascenso. “Todo esto fue posible gracias a nuestra plantilla y al cuerpo técnico, y también a nuestros patrocinadores, socios y colaboradores, sin cuya ayuda no podríamos haber llegado hasta aquí”, declarou.
Ruiz Rivas destacou que nos últimos tempos Riveira está acostumada a celebrar éxitos, principalmente en deportes individuais, como é o caso do novo campionato do mundo de parataekuondo conquistado esta fin de semana por Álex Vidal en Suíza, ou os logros recentes no triple salto de Ana Peleteiro e na natación de María Vilas.
Tocante aos deportes colectivos, o alcalde quixo resaltar o mérito dun club que, nun escenario tan competitivo como é o fútbol, foi quen de auparse a categorías que unha cidade como Riveria merece. “É unha satisfacción que en pouco máis de dous anos acadásedes dous ascensos”, dixo o rexedor, quen os animou a seguir traballando para consolidarse na división.
Tamén quixo dicir unhas verbas o utillero e masaxista José López, quen apelou ao conxunto a traballar como este ano porque así “os logros veñen enseguida”.
Mariscal
Non podían faltar palabras de lembranza para José Manuel Pérez Sampedro, Mariscal, tanto de Manuel Ruiz como Juan Luis Martínez que lembraron a talla humana de quen ademais de adestrador fora primeiro informático do Concello.
O acto finalizou cun intercambio de agasallos entre as dúas institucións. Alberto Villaverde entregou a Manuel Ruiz unha camiseta asinada por todos os integrantes do club, mentres que o rexedor fixo o propio obsequiándoo co regalo institucional consistente na réplica en cerámica de Sargadelos do faro de Corrubedo.











