Profesionais turísticos e hostaleiros escoitaron en Riveira a conferencia pronunciada polo experto Doménec Biosca

Conferencia de Doménec Biosca
Profesionais dos sectores turístico, hostaleiro e empresarial da comarca viviron esta mañá unha conferencia de auténtica altura por parte do profesor Doménec Biosca: un experto no sector turístico cuxo currículo conta cunha vintena de galardóns, entre os que sobresae a Medalla ao Mérito do Coñecemento Turístico concedido polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (2011), o Premio Nacional de Hostalería polo seu labor como escritor e profesor que lle outorgou a Federación Españolade Hostalería (2008) ou o Premio ao Experto Turístico Máis Prestixiado, escollido por votación de todas as escolas de hostalería de España (2008).
Organizada polo Concello de Riveira coa colaboración do Grupo de Acción Costeira nº5, a ponencia que levaba por título “Las nuevas estrategias de comercialización de los productos turísticas en áreas costeras” desenvolveuse no salón de actos do Auditorio Municipal e foi presentada polo alcalde, Manuel Ruiz Rivas.
Nun ton ameno e distendido e buscando en todo momento a complicidade do público (non en van, outra das distincións que adornan a Doménec Biosca é a de Premio ao Mellor Conferenciante – Comunicador de Coñecementos Turísticos), o profesor (quen según dixo durme en 200 hoteis distintos cada ano) ofreceu un bo ramillete de recomendacións para que un destino turístico acade o éxito nun mercado globalmente competitivo.
Así, Doménec Biosca salientou a importancia de desenvolver cadeas de valor mediante a cooperación público-privada e a trascendencia de posicionar unha marca a través das redes sociais e medios de comunicación. “En un mercado tan complejo como el turístico, sólo juntos conseguiremos tener marca”, afirmou.
O conferenciante acompañou parte da súa exposición dunha serie de vídeos promocionais ideados por el para hoteis e casinos de España e do estranxeiro.











