Portos de Galicia inviste 60.000 euros na mellora da pavimentación do principal vial de acceso ao peirao de Palmeira
O Concello de Riveira informa de que o ente público Portos de Galicia acaba de iniciar unha actuación destinada a mellorar a pavimentación do principal vial de acceso ao Porto de Palmeira.
Valorada en 60.000 euros, esta obra está sendo executada pola empresa Nemesio Ordóñez S.A. e conta cun prazo de execución dun mes.
De acordo co proxecto técnico, que foi elaborado polos servizos municipais de Riveira, o vial no que se centra a actuación atópase bastante deteriorado pola abundancia de tráfico que soporta.
Por tal motivo, contémplase a reparación do firme mediante o fresado do pavimento nas zonas conflitivas en canto á cotas e a posterior extensión dunha capa de aglomerado asfáltico tipo D-12.
Ademais, executarase un tramo de beirarrúa na zona da explanada portuaria, para separar así os peóns da zona de estacionamento de vehículos e incrementar a seguridade. Empregaranse lousas de granito abuxardado de dimensións 60x40x4.
Próximo adoquinado portuario
Complementariamente a isto, hai que lembrar que proximamente o Concello acometerá a pavimentación con adoquín de formigón da explanada portuaria. O orzamento desta actuación, con cargo ao POS provincial, ascende a 110.806,94 euros e o prazo de execución será de dous meses.
Por outra parte, veñen de finalizar en Palmeira nas últimas semanas outras catro actuacións, nas que o Concello investiu máis de 345.000 euros co propósito de contribuír ao benestar veciñal e a seguridade viaria a través da renovación de servizos e pavimentación. Tales obras foron executadas en Caticovas (79.000 euros), Pedra da Aiga (45.000), Lombas (119.000) e Esteirón (102.000).











