O primeiro parque canino da comarca e unha pista de skate xa están a disposición da veciñanza no entorno do centenario

Nova pista de skate
Decenas de veciños asistiron na tarde de onte á inauguración do Parque Canino a Pista de Skate que o Concello de Riveira pon a disposición dos usuarios no entorno da praza do Centenario.
O acto estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz, quen manifestou a súa satisfacción por poder proporcionar á veciñanza estes dous servizos: un -a Pista de Skate- que sirve para incrementar a oferta de ocio a disposición da xuventude, en tanto que o outro -o Parque Canino- supón un primeiro paso para conceder facilidades a todos os que teñan cans, sendo a primeira instalación da comarca destas características.
Ruiz Rivas tamén incidiu na aposta que está a realizar este Executivo por prover á sociedade de novos espazos deportivos, coas recentes construcións de catro pistas multideporte en Abesadas, Centenario, Aguiño e Frións; co pavillón polideportivo que se está facer en Palmeira; ou coa próxima instalación doutra pista multideporte na Ameixida (Castiñeiras).
Zona BMX
Tamén interveu o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez, quen recordou que as dúas infraestruturas estiveron entre as primeiras demandas que se realizaron a este Equipo de Goberno e, que en breve, o recinto de ocio será ampliado cunha zona de BMX (siglas de Bike Moto Cross, unha modalidade acrobática de bicicleta).
O evento culminou cunha exhibición na Pista de Skate de piruetas en bicicleta e monopatín, así como cunha demostración de agility no Parque Canino.











