O grupo Aires de Dorna regresa para ofrecer un gran espectáculo no Auditorio Municipal de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalRiveira
A-
A+
Aires de Dorna

Aires de Dorna

Despois dun ano sen desenvolver ningunha función pública, Aires de Dorna regresa aos escenarios para ofrecer un espectáculo totalmente renovado que dará conta do aprendido dende que o nomeado bailarín e coreógrafo riveirense Vicente Colomer tomou as rendas desta agrupación. De acceso libre e gratuíto, a estrea terá lugar a partir das 21 horas no Auditorio Municipal, como unha acción incardinada na programación do Xuño da Cultura e as Artes.

Para ofrecer detalles do evento compareceron no Auditorio Municipal a presidenta da asociación Amas de Casa, Magdalena Bringas; o citado director de Aires da Dorna, Vicente Colomer; e a concelleira de Cultura, Elvira Pisos.

Sete Enredos

Colomer Bussoms explicou que unha vez asumiu a dirección do grupo, este decidiu non subirse aos escenarios ata que puidese ofrecer unha nova proposta, do mesmo estilo e estética que viña caracterizando Aires da Dorna, pero con novas coreografías e máis evolucionado. O espectáculo levará por título Sete Enredos, “sete coreografías para que o público se deixe enredar por un traballo confeccionado durante todo una ano”, segundo aseverou o profesor.

Participarán uns trinta bailaríns, con idades comprendidas entre os trece e os setenta anos, que proporán aos veciños que se acheguen ao Auditorio “unhas coreografías de danza tradicional estilizada, cuns vestiario de luxo e unha posta en escena moi coidada”.

“Pechar un círculo”

Ademais, Vicente Colomer resaltou que dende o seu punto de vista profesional o seu labor con Aires de Dorna vén a “pechar un círculo”, pois foi precisamente alí onde comezou a bailar e agora ten a oportunidade de aportar toda a súa experiencia acadada nestes anos.

Magdalena Bringas destacou a excelente oportunidade que teñen asociacións como Amas de Casa para demostrar o seu traballo na iniciativa do Xuño da Cultura e as Artes e, por outra parte, anunciou que A Pobra e Baiona serán as seguintes localidades nas que se ofrecerá esta nova estrea de Aires da Dorna. O ano que vén visitará Ceuta.

Elvira Pisos fixo un chamamento á veciñanza para que asistan a esta gran estrea o venres ás 21 horas. Poderase recoller as entradas media hora antes.

19 de xuño de 2013 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.