O conto solidario “Antía, Wamba e o regato pequeno” chegou ao auditorio de Riveira no día mundial contra o traballo infantil
Coincidindo coa celebración do Día Mundial contra o Traballo Infantil, A Tropa do Trapo interpretou esta mañá en Riveira o conto solidario ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’: unha acción promovida pola Concellería de Igualdade a través do CIM e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin se sensibilizar ao público infantil sobre o valor da amizade.
Alumnos dos colexios de Olveira, Frións, Aguiño, Galaxia, A Milagrosa de Oleiros, Sagrado Corazón de Xesús de Castiñeiras, Palmeira, O Grupo e Artes acudiron ao Auditorio para presenciar esta obra, que está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa.
Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, , como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.
A función forma parte do programa do Xuño da Cultura e as Artes.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











