Música, libros e un concurso de fotografía, na antepenúltima xornada do xuño da cultura e as artes de Riveira
O programa da segunda edición do Xuño da Cultura e as Artes alcanza mañá a súa antepenúltima xornada con máis música, libros e mesmo un concurso de fotografía escolar.
Neste sentido, ás 12 do mediodía terá lugar no Auditorio a presentación do Primeiro Concurso de Fotografía Escolar de Arquitectura “Concello de Riveira”. Comparecerán neste acto a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e Miguel Martínez no nome de aMMCestudio.
Outra salientable acción será o concerto de saxofón que o mestre Rodrigo Vila ofrecerá ás 19.30 horas na igrexa de Santa Uxía. A entrada será libre e de balde. Organiza a Concellería de Educación e o Conservatorio Municipal coa colaboración da Parroquia de Santa Uxía.
Brétema
Ademais, o bar Brétema dará cabida a unha xornada de xadrez de portas abertas (17.30 horas), a un taller de guitarra (20 horas) e a unha quedada para falar en inglés (20 horas).
Por último, a Asociación Cultural Barbantia promove ás 20.30 horas no Centro Cultural Lustres Rivas a presentación do libro “Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro”, escrito por Laura Tato Fontaíña e editado por Toxosoutos. Ademais, este mesmo evento servirá para dar a coñecer tamén un novo suplemento recompilatorio de “La voz de Barbantia”. Participan na dobre presentación o presidente de Barbantia, Xesús Laíño; o delegado en Barbanza de La Voz de Galicia, Ramón Ares; e a autora Laura Tato Fontaíña.











