Máis de 30 rapaces aprenderon os segredos da boa cociña nunha ximcana dos alimentos que visitou Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+
Ximcana no local social das amas de casa

Ximcana no local social das amas de casa

Un total de 34 nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos participaron na tarde de onte nunha divertida Ximcana dos Alimentos e do Consumo que tivo por obxectivo ir aprendéndolles aos pequenos os segredos da arte culinaria. Esta iniciativa estivo promovida polas asociacións Arrecó, Aires de Dorna e Amas de Casa de Riveira no marco da programación do Xuño da Cultura e as Artes.

Divididos en tres grupos (cos televisivos nomes de “Pesadilla en la Cocina”, “Masterchef” e “Larpeiros”), os pequenos comezaron a actividade ás cinco da tarde na praza do Concello, lugar onde confeccionaron coa axuda dos monitores uns vistosos mandís para poñerse mans a obra.

A continuación tivo lugar a Ximcana en si, que percorreu distintos espazos públicos da cidade (a rúa de Galicia, a praza do Centenario…), onde os nenos se viron sometidos a unha serie de probas (pintarse os labios, baixar por un tobogán…) e adiviñas relacionadas coa cociña co fin de gañar diñeiro virtual, todo isto  cantando e interactuando cos viandantes.

Chegadas as seis e media, cada grupo visitou un supermercado de Santa Uxía para mercar os ingredientes necesarios para realizar os tres pratos que se ían preparar a continuación: entremeses salgados, minipizzas e un festival de froitas.

E por fin chegou o turno de elaborar o menú da man dunha experta cociñeira no local social da Asociación de Amas de Casa: emprazamento onde os cativos deron conta dos pratos obtidos nunha cuchipanda que se prolongou ata case as nove da noite.

 

27 de xuño de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.