Máis de 110 corredores participarán na carreira popular de Castiñeiras, a primeira en Riveira de carácter nocturno

Presentación da carreira nocturna
Máis de 110 corredores van participar este sábado día 29 de xuño na Primeira Carreira Nocturna de Castiñeiras: a gran novidade do Circuíto de Carreiras Populares Concello de Riveira nesta súa sexta edición.
A proba está coorganizada polo Concello de Riveira, o Club Santa Uxía de Atletismo e a Asociación Redonda Vella: tres entidades representadas no acto de presentación por Juan Luis Martínez, Juan Manuel Olveira Pájaro e Iñaki Blanco.
De oito quilómetros de extensión, a carreira ten natureza mixta e combinará tramos de asfalto con outros de monte, o que será un aliciente engadido ao seu carácter nocturno (dará comezo ás 23 horas).
Independentemente de que o terreo estará debidamente sinalizado e balizado con útiles fluorescentes, os participantes deberán estar equipados cunha lanterna ou cun foco na cabeza xa que a parte intermedia da competición (por monte) non vai ter iluminación exterior.
Unha das características que marcan certa dureza na proba é que catro dos quilómetros do percorrido son de subida. Algúns dos puntos polos que descorrerá o certame son A Garita, a estrada de Martín a Fonteseca ou o propio núcleo do pobo de Castiñeiras.
Unha vez rematado, os participantes e asistentes serán agasallados cunha paella e diversas bebidas da man de voluntarios pertencentes á Asociación Redonda Vella e á Comisión de Festas e tamén haberá unha actuación musical a cargo de A Trébola.
A carreira sairá e acabará no porto de Castiñeiras. Haberá cortes puntuais ao tráfico na medida en que transcorra a carreira, polo que a organización pediu comprensión. Máis de cincuenta colaboradores controlarán os cruces no desenvolvemento da proba.
Colaboran as entidades Ambunova e Sampedro Asesores.











