Conclúe o obradoiro de emprego Vionta, que formou a 25 alumnos en carpintería e albanelería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Entrega de diplomas aos participantes

Entrega de diplomas aos participantes

O obradoiro Vionta chegou no día de hoxe ao seu fin, e o fixo co acto de clausura que se celebrou precisamente nunha das instalacións que se viron beneficiadas do traballo dos 25 alumnos que asistiron a este taller de emprego: o Centro Cultural Lustres Rivas.

Hai que lembrar que, co financiamento da Consellería de Traballo e Benestar e do Concello de Riveira, 18 homes e 7 mulleres maiores de 25 anos e con dificultades de inserción laboral estiveron a formarse ao longo de 6 meses nas especialidades de albanelería (15 alumnos) ou carpintería (10 alumnos).

Proxección audiovisual

O acto de hoxe comezou cunha proxección audiovisual na que se resumiron as principais accións realizadas por estes estudantes: ademais da citada adecuación do inmoble que dá cabida ao Centro Cultural Lustres Rivas (con actuacións na sala de exposicións, na conserxería, no taller de encadernación ou no baño de minusválidos), tamén traballaron na edificación dun novo cetro social en Carreira (unha obra en execución), na adecuación da futura área municipal de atención cidadá no Consistorio, no mantemento de mobiliario de parques municipais ou na instalación de valados en colexios como O Grupo ou Galaxia.

O alcalde Manuel Ruiz loou o traballo realizado polos alumnos e persoal docente do obradoiro Vionta que, na súa opinión, foi unha das mellores escolas taller das moitas que pasaron por Riveira. Ademais, explicou que o Concello ten solicitado un novo obradoiro de emprego conxuntamente con Porto do Son que, de chegar a bo porto, levará o nome de Monte Tahúme, fito orográfico compartido por ambos municipios.

O concelleiro de Emprego, Anxo Orellán, incidiu na importancia de estar formados e de no deixar de aprender nunca para situarse no punto máis alto no mercado laboral.

Persoal docente

Baixo a dirección de Sandra Pérez, o persoal docente estivo composto por un mestre para cada unha das especialidades, unha titora, un arquitecto técnico, un mestre de xestión empresarial e unha auxiliar administrativo.

Tras a entrega de diplomas, a clausura rematou cunha foto de grupo na sala de exposicións do centro.

 

13 de xuño de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.