Centos de veciños vibraron polas rúas de Riveira co Serán da Fonte Navegante

Espectáculos pola rúa
Centos de veciños e veciñas do municipio disfrutaron na tarde de onte dunha auténtica festa co Serán da Fonte Navegante: un espectáculo participativo no que a música, o teatro e o espírito lúdico foron as notas predominantes.
Recuperar as tradicións foi o obxectivo desta iniciativa, concibida para que os veciños acudisen ataviados con roupas negras ou brancas e portando algún instrumento musical tradicional.
O evento, que forma parte do programa do Xuño da Cultura e as Artes, deu comezo en torno ás 19 horas na praza de Ourense para percorrer a continuación outros céntricos espazos da cidade, como as prazas de Otero Goyanes e Vigo, entre a curiosidade crecente dos paseantes, moitos dos cales non dubidaron en sumarse á peregrinación.
Finalmente, a expedición regresaría ao punto de partida para destapar a fonte alí enclavada e “obrar o miragre” de que dela manase auga.
A acción estivo organizada polos Servizos Sociais de Riveira e o obradoiro de Pandeireta do colexio Bayón, e contou coa colaboración das asociacións Alfaia, Amas de Casa e Bailadela; os grupos de música tradicional Os Jalochos e Rebuldaina e o obradoiro de pandeireta dos maiores do Concello de Riveira.











