Case 500 atletas disputarán en Riveira o campionato galego de veteranos
Case 500 atletas daranse cita este domingo 16 de xuño nas pistas do complexo da Fieiteira para participar no Campionato Galego de Atletismo: unha proba organizada pola Federación Galega que conta coa colaboración do Concello de Riveira.
O edil Juan Luis Martínez, acompañado do presidente do Club Atletismo Santa Uxía, José Manuel Olveira, ofreceu algúns detalles da competición, que dará inicio ás 11 horas e finalizará en torno ás 19 horas.
Así, o responsable municipal de Deportes explicou que esta é a competición en pista que sole reunir maior volume de participantes. Haberá probas de velocidade, medio fondo (800 e 500 metros), fondo (5.000 e 1.000), lanzamento de xavelina, peso, disco e martelo, salto de lonxitude e altura, e triple salto.
Entre os atletas locais que se van medir no certame figuran Ramón Folgar e Javier Fontao (ambos do Club Santa Uxía), e tamén estará Matías Regueir, do equipo de A Pobra.
O edil destacou o alto nivel que vai a haber na Fieiteira, coa participación de corredores que incluso veñen de obter títulos en campionatos europeos, caso de Xosé Luis Otero Cepeda, da Universidade de Santiago, que se proclamou este ano campión de Europa de 3.000 metros lisos en San Sebastián en pista cuberta. Así mesmo, compareceran as medallistas nacionais Esther Pedrosa e María Jesús Gestido.
1.100 atletas en Riveira
Por outra parte, Martínez Queiruga salientou o significativo dato de que 1.100 atletas coincidirán esta fin de semana en Riveira: aos 500 deportistas que disputarán o certame de veteranos, hai que sumar outros 400 que tomarán parte mañá nos Xogos Autonómicos de Atletismo para discapacitados intelectuais, e outros 200 que farán o propio na primeira edición da durísima proba Ultratrail do Barbanza, que tamén se celebrará mañá.
En base a estes números, Juan Luis Martínez resaltou o excelente momento que está vivindo o atletismo hoxe en día no municipio de Riveira.











