Batán presenta o ciclo de mercados tradicionais que arrancarán o próximo 22 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSilleda
A-
A+

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, presentou esta mañá o ciclo de mercados tradicionais que se poñerán en marcha o próximo sábado, 22 de xuño, na Praza da Igrexa, “un lugar estratéxico pola súa localización”.

Batán explicou que “por unha parte, haberá un mercado trimestral que se corresponderá con cada unha das estacións: así o do próximo 22 de xuño será o mercado de San Xoán; por este ano -precisou- quedarían outros dous mercados, un de outono e outro de Nadal; e por outro lado, haberá un mercado complementario que se celebrará cada sábado, e que se dará comezo o sábado 22 de xuño”.

A responsable municipal destacou que “o mercado trimestral celebrarase en horario de mañá e de tarde, mentres que o semanal será en horario de mañá”. Xa referíndose ao primeiro mercado, ao do 22 de xuño, mercado tradicional de San Xoán, ás 12.00 horas haberá a inauguración oficial e a visita de autoridades, indicou a edila.

Así mesmo nesta feira sabatina de alimentación e artesanía contará tamén coa actuación do grupo de gaitas e con actividades de animación. En total haberá máis de 30 produtores/artesáns nesta primeira feira que rotarán nas seguintes, dos que o 95% son de Lalín e da comarca. Dado que o do 22 de xuño é un mercado trimestral, o horario será todo o día, de 9.30 a 20.00 horas.

Produtos de alimentación, artesáns e agricultores de pequenas explotacións que comercializan os seus excedentes son os tres eixos básicos sobre os que se estruturan estes mercados tradicionais. En canto á alimentación haberá produtos ecolóxicos, plantas e flores, pulpeiros e postos de churros e en canto á artesanía, haberá variedade de produtos: cerámica, cestería, bisutería, complementos e forxa, entre outros.

María José Batán sinalou que “o Concello contará tamén cun espazo propio para material divulgativo-turístico”. “Farase un esforzo importante en difusión -remarcou- para tratar de instauralo e consolidalo”, xa que se pretende chegar a Lalín, á súa área de influencia e tamén á provincia de Pontevedra”, remarca. Así mesmo colocaranse vallas anunciadoras do evento nas principais entradas do pobo. Batán fixo un chamamento para que todas as persoas interesadas en participar como vendedores se sigan anotando no Concello.

13 de xuño de 2013 | 15:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.