Baile latino, títeres e unha mostra de fotografías no xuño da cultura e as artes de Riveira
O programa do Xuño da Cultura e as Artes para este sábado rexistra tres variacións respecto ao calendario inicialmente previsto: dúas en canto ao horario e unha sobre o lugar da actividade.
Así, cabe advertir de que a clase ao aire libre e exhibición de baile latino que organiza ás 11 horas a Escola de Baile El Tomasón celebrarase na praza de España (e non na do Concello como se apuntou inicialmente).
Por outra banda, o acto de entrega de premios e exposición do Concurso de Fotografía Peña Madridista Amancio desenvolverase no local social desta entidade (situado na rúa do Mendiño, 8) ás 21 horas (unha hora máis tarde do que se dispuxo no programa de man).
E a actividade de música e canto tradicional, con queimada e esconxuro, “Noite Meiga” terá lugar de 20 a 1.30 horas (en lugar de 21.30 a 1.00). Esta acción está organizada pola asociación Riveira Escríbese con V e agasallará aos asistentes con queimada e doces de San Xoán.
Sábados de Libro
Ademais, a programación de Sábados de Libro chega ao seu punto final na Biblioteca Municipal de Riveira coa actuación de Charo Pita co espectáculo “Quen quere viaxar comigo?”, dirixido a nenos e nenas a partir dos dous anos. Promove as concellerías de Educación e Cultura e o programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia.
O bar Brétema será escenario ás 12 do mediodía de unha degustación de produtos do mar, da presenza dun polbeiro do Carballiño e dunha exposición de papiroflexia. Ademais, este mesmo espazo dará cabida ás 18 horas á entrega de premios do certame literario “Letras na Brétema”.
O Auditorio Municipal de Riveira acollerá ás 19 horas unha nova función da VI Mostra de Monicreques Ti-ti-ritando de Emoción. O grupo A Xanela do Maxín porá en escena o espectáculo “Só lles falta falar”: unha actuación dirixida a todos os públicos cuxa entrada é libre e gratuíta.
Por último, cabe recordar que proseguen as festas de San Xoán en Palmeira.











