Avanzan os trámites para construír unha rotonda que mellorará a seguridade viaria no cruce das avenidas da Coruña e A Paz
Despois de que a Deputación da Coruña dese comezo hai unhas semanas a unha esperada rotonda no cruce do Vilar, a Xunta de Galicia vén de dar un paso máis cara a construción doutra rotonda no municipio de Riveira: a que se disporá na confluencia da avenida da Coruña coa avenida da Paz co fin de mellorar a seguridade viaria nesta concorrida zona, que sirve de entrada á cidade tanto dende o concello da Pobra como da Autovía do Barbanza.
Así, a Xefatura Territorial da Coruña da Axencia Galega de Infraestruturas (entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorial e Infraestruturas) vén de informar a través do BOP da data fixada para o levantamento de actas prevías á ocupación dos terreos necesarios, que se sitúan no punto quilométrico 38+060 da AC-305.
Dita data queda establecida no día 11 de xullo, ás 10 horas, na Casa Consistorial. A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Ribeira, e no Servizo Provincial da Coruña (r/ Vicente Ferrer, n.º 2, 8.º planta)
Así mesmo, ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo Provincial da Coruña as alegacións que estimen pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.
Hai que recordar que, con data de 27 de setembro de 2012, a Xunta de Galicia procedera á declaración da utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios a efectos de expropiación.
O obxecto do proxecto reside no desenvolvemento das actuacións necesarias para a mellora da intersección, substituíndo a actual disposición en T pola construción dunha glorieta de dimensións adecuadas, o cal optimiza o deseño dende o punto de vista da seguridade viaria. Así mesmo, esta actuación contribuirá a mellorar a conectividade entre o concello de Riveira e a autovía da Barbanza.











