Ambar, Javier Expósito, Luar, Ramiro Carregal e a Vila de Adeje, os premios Concello de Riveira no seu 15º aniversario

Presentación dos premios
O alcalde Manuel Ruiz e a presidenta da Asociación de Amas de Casa Magdalena Bringas presentaron este mediodía os galardoados dos Premios Concello de Riveira nesta décimo quinta edición: unha convocatoria na que se ampliou de tres a cinco o número de distinguidos coa incorporación de dúas novas categorías. A gala de entrega dos premios terá lugar o venres 5 de xullo, nun acto que se desenvolverá no restaurante Baiuca a partir das 20 horas.
Polo que respecta ás modalidades tradicionais, o Premio ao Labor Desinteresado recaeu na Asociación Ambar, que vén de conmemorar o seu 30º a aniversario e conta cun grupo social de máis de 1.100 persoas. Manuel Ruiz recordou que esta entidade presta servizos a persoas con diversidade funcional en concellos como Riveira, A Pobra, Boio, Porto do Son e outros municipios próximos.
O Premio á Cultura resultou Javier Expósito Paradela: avogado especializado en dereito marítimo e mecenas cultural que promoveu a constitución da Fundación e o Museo do Gravado de Artes, que contén unha das coleccións privadas máis importantes do mundo, con cerca de 30.000 obras catalogadas. O alcalde salientou o esforzo desenvolvido por Expósito Paradela para que o municipio de Riveira dea cabida a un referente cultural a nivel internacional na arte do gravado.
O Premio ao Traballo Ben Feito será entregado á TVG polo seu programa “Luar”, un dos máis veteranos do panorama televisivo español con máis de 20 anos en antena. Manuel Ruiz destacou a capacidade de “Luar” de ser líder de audiencia na súa franxa horaria e salientou o seu carácter formador de artistas hoxe consolidados como Luís Tosar, Mercedes Peón, Paula Vázquez ou Os Tonechos.
Novas categorías
Polo que respecta ás novas categorías, o Premio a Toda unha Vida recaerá en Ramiro Carregal Rey: “fillo adoptivo da cidade e empresario modélico que ten recollido múltiples distincións dende o mundo empresarial, do traballo e da beneficiencia”, segundo explicou o alcalde, quen incidiu en que Riveira “non se podía permitir que unha persoa do calibre humano e profesional de Ramiro Carregal non estiveran dentro dos que recibiran este galardón”.
Por último, o Premio á Amizade será para a Vila de Adeje, municipio canario situado ao sur de Santa Cruz de Tenerife co cal o municipio de Riveira vén mantendo unha frutífera relación a nivel social, cultural e turística dende hai dez anos, cando se firmou un protocolo de irmanamento entre os dous territorios (concretamente, o 22 de xuño de 2003). O seu rexedor é José Miguel Rodríguez Fraga.
Jontxu Argibay
Magdalena Bringas, tamén filla adoptiva, loou a beleza da nova escultura que simboliza aos Premios Concello de Riveira, que foi realizada polo artista local Jontxu Argibay, tamén presente no acto de hoxe.
A presidenta de Amas de Casa tamén agradeceu ao Concello e ao alcalde Manuel Ruiz que prosigan coa traxectoria dos premios, que foran instaurados na década dos oitenta por Román Padín, quen fora propietario de La Onza de Oro.











