Alumnos do colexio Galaxia recrean “O bico” de Klimt e a serie “Flowers” de Warhol nunha exposición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Inauguración da mostra

Inauguración da mostra

Unha concorridísima Casa da Xuventude de Riveira foi testemuña esta mañá da inauguración da exposición “Klimt & Warhol”, elaborada por 90 alumnos e alumnas de 1º e 3 de ESO do colexio Galaxia.

As concelleiras de Educación e Cultura de Riveira, Maricarmen Vizcaya e Elvira Pisos, participaron neste acto de apertura, xunto ao profesor de Artes Plásticas Fernando Yáñez, quen explicou as características das obras que conforman a mostra.

Así, os alumnos de 3º de ESO foron os que se encargaron de reproducir en gran formato o archicoñecido “O bico”, do austríaco Gustav Klimt. Fixérono dúas veces, unha reflectindo a  composición orixinal e outra en forma invertida.

Pola súa parte, os rapaces de 1º de ESO recrearon a través de diferentes cadros a serie “Flowers” do norteamericano Andy Warhol, gran expoñente do Pop Art. Tiveron a  particularidade de empregar follas e flores como ingredientes co fin de obter unhas suxestivas texturas.

Tanto Elvira Pisos como Maricarmen Vizcaya felicitaron ao alumnado pola gran calidade dos traballos exhibidos e animaron á veciñanza a que visiten esta exposición, que forma parte do programa de actos do Xuño da Culturas e as Artes.

O acto tamén incluíu unha proxección de vídeo na que se visualizou o proceso de concepción das obras.

17 de xuño de 2013 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.