Adxudicación provisional da redacción dun plan de mobilidade urbana sostible para o Concello de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Incrementar a seguridade viaria nos desprazamentos, mellorar a accesibilidade das persoas a través da supresión de barreiras, dar prioridade a aqueles medios de locomoción respectuosos co medio ambiente ou potenciar o uso de transportes colectivos e non motorizados son algunhas das aspiracións que moveron ao Concello de Riveira a decantarse pola elaboración dun Plan de Movilidade Urbano Sostible (PMUS): o primeiro que se efectúa en Galicia fóra dalgunha das grandes cidades da Comunidade Autónoma.

O Equipo de Goberno Local vén de adxudicar con carácter provisional a redacción deste Plan, que forma parte do Proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER. Entre as 18 propostas presentadas na licitación, a que obtivo unha maior cualificación foi a de Advanced Logistics Group, S.A. (ALG), cuxa oferta económica ascende a un importe de 104.060 euros, IVE incluído, e o período de execución son 22 semanas.

Catro fases

A proposta de ALG está dividida en catro fases, á primeira das cales será de recollida de información básica e análise de datos referentes ás características urbanísticas e socioeconómicas do municipio e á rede de mobilidade do concello. Ademais de recorrer a fontes oficiais (Concello, Instituto Galego de Estatística, Instituto Nacional de Estatística, Instituto de Estudos do Territorio…), plantéxanse outros métodos de recolección de datos, entre eles a realización de ata 2.000 enquisas domiciliarias de mobilidade cidadá para coñecer con maior precisión as características socioeconómicas da poboación e as súas pautas de mobilidade.

Tras unha segunda fase de diagnose na que a partir dos datos obtidos búscase comprender cales son os factores que condicionan a mobilidade do municipio, terá lugar unha terceira fase de definición do marco operativo de toma de decisións. Actuarase en sete grandes apartados: melloras peonís, melloras de transporte público, mellora da distribución urbana de mercancías, regulación do tráfico privado, grandes centros de atracción de viaxes, fomento do uso das bicicletas e mellora do sistema de aparcamentos municipal.

Mobilidade na área portuaria

A cuarta fase será a redacción do documento final, que estará complementada por un estudo para a mellora da accesibilidade e a mobilidade na área portuaria de Riveira : un documento que se pretende sirva de punto de partida para un traballo máis detallado e exhaustivo no obxectivo de mellorar a accesibilidade ao porto e optimizar os seus usos internos.

No proceso de confección do PMUS farase uso de avanzadas ferramentas informáticas de simulación de mobilidade e planificación do transporte.

18 de xuño de 2013 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.