Abarrote absoluto no auditorio de Riveira para presenciar o festival de danza clásica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

O Auditorio Municipal de Riveira viviu na tarde de onte un abarrote absoluto con motivo do Festival de Danza Clásica co que se dá remate ao curso 2012/2013 da Escola Municipal de Ballet do Concello de Riveira.

Baixo a dirección da profesora Cristina Riveiro, os 43 rapaces e rapazas que integran esta actividade formativa demostraron o seu bo facer ante os máis de 270 asistentes que encheron o patio de butacas da instalación cultural.

Os máis pequenos iniciaron a actuación con “Canción da Boneca”, composta por Richard M. Sherman e Robert B. Sherman para a película “Chitty Chitty Bang Bang”.

A continuación, o grupo de maiores bailou ao son de diversos extractos da ópera “Carmen”, de George Bizet, cos arranxos posteriores de Rodion Schedrin. Ditos estratos son: “Preludio y Variación Aragonesa Carmen”, “Los Dragones de Alcalá”, “Habanera”, “Plaza”, “Variaciones Sargento”, “Palmas” y “Canción del Toreador”.

A terceira parte da función correspondeu aos alumnos de idade intermedia, que puxeron en escena o tema “Do Re Mi”, da comedia musical “Sorrisos e lágrimas”, con dirección musical de Julio Awad.

E por último, os maiores subiron de novo ao escenario para interpretar “All for love”, de Bryan Adams, Rod Stewart e Sting, tema co que se clausurou un espectáculo que mereceu o aplauso unánime de todo o auditorio.

Os concelleiros Elvira Pisos e Víctor Reiriz presenciaron a función e felicitaron ao alumnado pola súa capacidade artística.

10 de xuño de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.