A gala dos XV premios Concello de Riveira celebrarase o venres 19 de xullo
A Gala da décimo quinta edición dos Premios Concello de Riveira celebrarase finalmente o venres 19 de xullo, en lugar do día 5 xullo como estaba inicialmente previsto. Criterios de conciliación de axendas conduciron a esta modificación na data, manténdose o Restaurante Baiuca como escenario do evento.
A Gala dará inicio ás 21 horas e, como todos os anos, constará dunha cerimonia de entrega dos galardóns e dunha comida homenaxe. O prezo de participación serán 30 euros, mesmo importe que o ano pasado. Está previsto poñer as entradas a disposición dos interesados a semana que vén.
Cabe recordar que nesta edición son cinco os galardoados en lugar de tres: Ramiro Carregal, Javier Expósito, a vila de Adeje, a asociación Ambar e a Televisión de Galicia polo seu programa Luar.
O artista local Jontxu Argibay foi o encargado de deseñar a nova escultura simbólica destes premios. Realizada en aglomerado con base de madeira, a figura representa a evolución dunha serea.











