Un novo espectáculo infantil da man de Chus Otero congregou a unha vintena de nenos na biblioteca de Riveira
A Biblioteca Municipal de Riveira deu cabida o sábado pasado a un novo espectáculo infantil posto en marcha no marco do Maio Cultural, co obxectivo de familiarizar aos nenos e nenas co uso desta instalación pública, ao tempo que proporcionar aos rapaces uns intres de aprendizaxe e divertimento.
Así, a narradora Chus Otero ofreceu o seu espectáculo “A Cara dos Contos”, que comprendeu tres historias acompañadas de obxectos, adiviñas, trabalinguas e cancións.
Boa parte da vintena de pequenos e das nais e pais asistentes xa son habituais partícipes desta iniciativa, posta en marcha dende a Concellería de Educación e o Servizo Municipal de Normalización Lingüística.
De feito, o bo éxito acadado por esta acción propiciou que se decidise darlle continuidade con máis espectáculos infantís os sábados na Biblioteca no marco do Xuño da Cultura e as Artes.