Un convenio entre o Obradoiro, o Concello e o Club Baloncesto Riveira fomentará a práctica en categorías base

Sinatura do convenio
A Casa Consistorial foi escenario da rúbrica dun convenio de colaboración a tres bandas entre o Club Baloncesto Obradoiro, o Club Baloncesto Riveira e o Concello de Riveira, que ten por obxecto fomentar a práctica deste deporte no municipio, especialmente no que se refire ás categorías base.
O equipo santiagués estivo representado polo seu director de Márketing, Javier Puñal, mentres que no nome do Concello compareceu o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez; e polo club riveirense o seu presidente Ramón Muñiz, ademais do secretario.
Este acordo pretende en primeiro lugar dar continuidade á traxectoria dos xogadores que formen parte das Escolas Municipais do Concello de Riveira, aportando ao Obradoiro aqueles xogadores que por condicións e actitudes a partir de categoría infantil se poidan formar deportivamente en este club, mediando evidentemente o consentimento de nenos e pais.
Ademais, a formación compostelá realizará algunha actividade no municipio (feito que aconteceu o pasado luns coa visita dos seus xogadores Oriol Junyent e Salah Mejri) e aportará ás escolas deportivas municipais do Concello de Riveira entradas a un prezo reducido (10 euros para os menores de 18 anos e 20 para os maiores) por un máximo de 3 partidos.
De igual xeito, convidará aos xogadores riveirenses a que ao longo da tempada 2013-2014 participen nos descansos dalgúns dos partidos de liga do Obradoiro e realizará un 10 de desconto no abono das persoas pertencentes ao Club Baloncesto Riveira.
Como contraprestación, o Concello situará nun lugar preferente publicidade do Club Baloncesto Obradoiro.