Riveira amplía o sistema de pago de tributos en entidades financeiras aos recibos da auga, lixo e alcantarillado
No pasado marzo o Concello de Riveira puxo en marcha un proxecto piloto de pagamento de tributos en virtude do cal, nos casos de recibos non domiciliados, o contribuínte xa non deberá pasar polas oficinas de recadación do Consistorio para sufragalos, senón que poderá facelo en calquera das entidades financeiras colaboradoras que teñen á súa disposición, repartidas xeográficamente polo municipio. Esta novidosa experienza aplicouse en primeiro lugar no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, cuxo período de abono voluntario conclúe hoxe.
Agora, o Concello de Riveira dá un paso máis na implantación deste modelo de cobranza de tributos, ao constatarse a súa eficacia ao supoñer maior comodidade para o cidadán e por tanto un mellor servizo, evitando as frecuentes colas que en días determinados se solían dar no Casa Consistorial.
Así, o sistema de pagamento en entidades financeiiras amplíase ás taxas municipais polos servizos de subministro de auga potable, recollida de lixo e saneamento (amén do canon da auga da Xunta), nas que o prazo de pagamento voluntario comeza mañá e finaliza o día 15 de xuño.
Unha vez lle chegue ao domicilio de cada contribuínte o recibo correspondente, o cidadán terá á súa disposición tres posibles vías de liquidar este imposto:
– Pagándoo nas entidades financeiras colaboradoras no horario de caixa de cada entidade,
– Sufragándoo nos caixeiros das entidades sempre que dispoñan do servizo de pago de recibos con código de barras
– A través de Internet, para o cal a páxina web do Concello (wwww.riveira.es) enlazará coas pasarelas de pagamento electrónico das distintas entidades.
As entidades financeiras colaboradoras son: BBVA, NCG Banco, Banesto, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Gallego e Caixa-Bank-La Caixa.