Riveira acollerá o Campionato Galego de Triatlon na modalidade de distancia olímpica
Riveira terá unha cita dobre co deporte do triatlón este domingo 2 de xuño, ao acoller o Primeiro Triatlón Concello de Riveira e a disputa do Campionato Galego de Triatlón de Distancia Curta (a modalidade olímpica).
A presentación do evento contou coa participación do presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva, ademais de diversas persoas no nome dos organizadores da proba: Concello de Riveira (os concelleiros de Deportes e de Seguridade Cidadá, Juan Luis Martínez e Víctor Reiriz, ademais do xefe da Policía Local e o coordinador de Protección Civil) e Club Natación Riveira (representada por Silvia Sampedro e Alberto Álvarez).
Ás 10 horas dará inicio dende Coroso unha primeira proba de carácter popular co obxecto de familiarizar á veciñanza con este deporte, que inclúe como é sabida as disciplinas de natación, ciclismo e carreira a pé. Os participantes deberán nadar unha distancia de 300 metros, pedalear 10 quilómetros e correr 2.500 metros. Haberá trofeos para os tres primeiros –tanto masculinos como feminino- de cada categoría (infantil, cadete, junior, sub-23, absoluta e veteranos). Están inscritas 58 persoas.
Unha hora despois terá lugar a saída do Campionato Galego de Triatlón de Distancia Curta, con 180 participantes. Neste caso, as distancias a cubrir son 1.500 metros a nado, 40 quilómetros en bicicleta e 10 quilómetros a pé.
Favoritos
Francisco Villanueva subliñou que está é a proba máis importante do calendario galego na modalidade de distancia olímpica. Entre as mulleres sinalou a Saleta Castro como gran favorita e a María Martínez e a Blanca Lavandeira con opcións de medalla. A proba masculina estará máis aberta. Destacou a participación de Cristóbal Dios, José Manuel Pardo Leis ou Miki Acosta.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría e premios en metálico para os cinco mellores.
Peches ao tráfico
A organización desta proba require un amplo dispositivo organizativo e así mesmo implica significativos peches ao tráfico por razóns de seguridade dos participantes. Así, segundo explicou o xefe da Policía Local, Pedro Fernández, as zonas afectadas abarcan a avenida da Coruña, paseo das Carolinas, avenida do Malecón e estrada DP 7307 ata o núcleo de Castiñeiras. Non se poderá circular co coche nestes tramos dende as 9.45 ata as 13.30 horas, razón pola cal aqueles que queiran retirar o seu vehículo deberán facelo antes das 9.45 horas.
Dende a organización se solicitou comprensión polas molestias que se vaian ocasionar, ao tempo que se indicou que se está comunicando esta incidencia aos veciños a través da colocación de notas informativas en portas dos garaxes e vehículos estacionados na zona afectada, ademais de nos paneis informativos do Concello e a través de Internet.
Autobús gratuíto
Paralelamente, o concelleiro Juan Luis Martínez informou de, co fin de minimizar as molestias, durante o tempo da proba o servizo de autobuses terá como base de saída e chegada a praza do Centenario e que o transporte será gratuíto para os pasaxeiros entre Aguiño e A Pobra, segundo un acordo alcanzando coa empresa Ferrín.