publicidade hoxe

O Día da Bici de Riveira 2013 disporá dun percorrido íntegramente urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalRiveira
A-
A+
Presentación do Día da Bici

Presentación do Día da Bici

O domingo 9 de xuño é a data escollida para a celebración dunha nova edición do Día da Bici: un dos acontecementos máis esperados polos afeccionados a este deporte e que, nesta ocasión, vai estar coorganizado polo Concello de Riveira e La Voz de Galicia.

O alcalde Manuel Ruiz e o delegado en Barbanza deste xornal, Ramón Ares, foron os encargados de presentar esta actividade lúdica, ao tempo que se felicitaron pola oportunidade de unir forzas e establecer sinerxías beneficiosas para os habitantes do municipio. Os detalles máis técnicos foron expostos polo concelleiro municipal de Deportes, Juan Luis Martínez; e por Juan Santos en representación do Club Ciclista Os Saltomontes: unha das entidades colaboradoras xunto co Club Ciclista Tahúme, Frinsa, Sportbike e Restauración Chicolino.

O evento terá como lugares de saída (11 horas) e chegada a céntrica Praza de España de Santa Uxía. De carácter plenamente urbano e cunha lonxitude de nove quilómetros e medio, a ruta descorrerá polos seguintes puntos: Praza de España, Consistorio, Abesadas, Rosalía de Castro, Paseo do Malecón, Touro, regreso pola zona costeira ata a rotonda de Padín, Deán, A Carballa, Coroso e de novo Praza de España.

Dificultade media-baixa

Estímase unha duración aproximada dunha hora para completar o percorrido, cuxa dificultade técnica e física está considerada como media-baixa, o que propiciará que poidan tomar parte rapaces con idades a partir dos sete anos.

Ao finalizar, os ciclistas beneficiaranse dun avituallamento líquido e sólido por cortesía da empresa Chicolino. Ademais, sortearase diverso material deportivo, entre o que se inclúe unha bicicleta doada pola empresa Sportbike, e distinguiranse aos ciclistas que teñan as bicicletas máis orixinal e máis antiga, e ao participante de maior idade.

Paralelamente coa carreira, haberá unha ximkana ciclista dirixida aos máis pequenos, ademais dunha concentración de motos plásticas.

O Club Ciclista Os Saltamontes coordinará a organización técnica da ruta, en tanto que o Club Ciclista Tahúme fará o propio na ximkana e a concentración de motos plásticas.

Inscripción

Os interesados en participar poden inscribirse ata as 12 do mediodía do xoves 6 de xuño na páxina web do Concello (www.riveira.com).

Colaboran na seguridade desta actividade a Policía Local e Protección Civil de Riveira. É imprescindible levar casco para poder participar.

24 de maio de 2013 | 10:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.