publicidade hoxe

O Concello de Silleda solicita á Xunta un plan integral de emprego con 60 beneficiarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda, a través da Concellería de Emprego, que dirixe Paula Fernández, vén de concorrer á convocatoria autonómica de programadas integrados para o emprego.

A iniciativa Silleda Integra busca favorecer e potenciar a integración laboral das persoas demandantes de emprego a traés de itinerarios personalizados para a inserción, con atención e asesoramento na busca activa de emprego, formación e tamén sesións práticas en empresas do municipio.

O proxecto presentado establece varios módulos formativos (operarios, animador/a sociocultural, atención á dependencia…) e prevé a participación de 60 persoas. Entre os colectivos prioritarios para beneficiarse deste programa figuran as persoas con discapacidade, persoas desempregadas en risco de exclusión social, mulleres (especialmente as que acrediten a condición de vítimas de violencia); menores de 30 anos (especialmente os que posúan baixan cualificación);p ersoas desempregadas de longa duración (especialmente as que posúan baixa cualificación);inmigrantes ou  persoas desempregadas como consecuencia dunha crise empresarial. Todas as persoas participantes deberán figurar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e, polo menos, o 60 por cento deberán ser persoas perceptoras de prestacións, ou subsidios por desemprego, segundo figura na convocatoria.

Silleda Integra, cun orzamento previsto de 70.000 euros, contaría con módulos de formación transversal, coma os de informática básica, prevención de riscos laborais, igualdade de oportunidades, autoemprego…, así coma os específicos de cada área do programa, con 12 meses de duración. O alumnado tamén recibirá becas de desprazamento por asistencia ás actividades de formación e as titorías.

Sistema similar ao Programa Aurora

Dende a Concellería de Emprego adquírese ademais o compromiso de lograr a inserción do 37% dos usuarios/as do programa, superando o 35% esixido pola Consellería de Traballo. O proxecto presentado conta cun sistema de formación e integración similar ao do Programa Aurora, posto en marcha dende o Concello de Silleda nos dous últimos anos en colaboración co Instituto da Muller para a empregabilidade das mulleres do ámbito rural, tento en conta os bos resultados deste programa. “Co Plan Aurora logramos uns elevados índices de inserción laboral grazas á colaboración das empresas silledenses que foron partícipes desta exitosa iniciativa”, sinala Paula Fernández, lembrando que con este novo plan integral de emprego o abano de persoas beneficiarias se amplía a outros sectores.

“Agardamos que dende a Administración Autonómica se teña en contra o noso programa, xa que o fomento do emprego, sobre todo entre colectivos máis vulnerables, é unha necesidade apremiante nos momentos que estamos a vivir”, engade Paula Fernández.

18 de maio de 2013 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.