O Concello de Riveira e Cruz Vermella ofrecerán na Casa do Mar unha charla informativa sobre familias acolledoras
A Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social do Concello de Riveira vai organizar en colaboración con Cruz Vermella no día 15 de maio, Día Internacional da Familia, unha charla informativa para a presentación e difusión do programa Familias Acolledoras de Galicia.
O acollemento familiar é un proxecto da Xunta de Galicia que xestiona a Cruz Vermella dende o ano 1995.
Esta fórmula arte da premisa de que a imaxe da familia como unha estrutura estable e sólida, onde todos os seus membros de apoian e crecen en harmonía, non sempre se corresponde coa realidade, pois se dan casos nas que as familias padecen desestabilización na súa estrutura, con dificultades á hora de proporcionar unha manutención axeitada aos fillos e precisan de axuda para recuperar unha vida en común.
É nesas situacións transitorias de dificultade cando se fai máis necesaria a familia acolledora, na idea de ofrecer temporalmente un fogar aos nenos e nenas onde estes reciban seguridade, afecto e educación, á vez que manteñen contacto cos seus pais.
Para falar de todo isto plantéxase a devandita actividade, que terá lugar ás 19 horas no salón de actos da Casa do Mar de Riveira. O acceso é libre.











