O Concello de Riveira consigue as tres bandeiras azuis que solicitou en 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira vén de conseguir as tres bandeiras azuis que solicitara para o verán de 2013. Os distintivos lucirán nos areais de Coroso –a praia urbana da cidade- e O Vilar –a máis frecuentada durante a época estival-, ademais do Centro de Interpretación de San Roque na categoría de Centro Azul.

Cabe lembrar que neste exercicio o Executivo decidiu solicitar catro bandeiras azuis menos que o ano pasado, pois considerou prioritario que o servizo de socorristas poida prestar cobertura a máis areais, mantendo o mesmo número de efectivos que o ano pasado (39 en ambos casos).

A este respecto, hai que recordar que o feito de que unha praia conte cunha bandeira azul obriga a ter in situ un número concreto de socorristas, con independencia da necesidade real ou non de ter que dispoñer desa dotación nun lapso de tempo dado. Así, é patente que en determinadas praias a determinadas horas é practicamente inexistente a presenza de bañistas, co cal o servizo se pode prestar satisfatoriamente cun menor número de membros.

Deste xeito, ao adecuar  a distribución de efectivos segundo a demanda real, propíciase que praias como O Prado (en Corrubedo), Os Mosqueiros ou Castiñeiras (na parroquia do mesmo nome) contarán por primeira vez con este servizo, ao igual que O Vilar, Coroso, Río Azor, O Touro, Ameixida e A Corna (as seis praias que tiveron bandeira azul en 2012), así como A Ladeira, O Castro e A Catía.

Por outra parte, o Concello está inmerso na contratación dos 39 socorristas, dos cales dous exercerán de coordinadores e outros tres de xefes de praia. Tamén se está cos preparativos en canto á colocación de baños portátiles, papeleiras, duchas, paneis informativos, pasarenas, balizas, etc…

Ademais, unhas 26 persoas encargaranse diariamente da limpeza de todos os areais do municipio, co cal, sumado este número aos socorristas e á colaboración doutros efectivos como pode ser o caso de voluntarios de Protección Civil, serán máis de 70 as persoas que se encargarán de manter os areais en perfecto estado.

23 de maio de 2013 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.