O Concello de Riveira adxudica a plataforma de xestión de datos turísticos-patrimoniais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira vén de adxudicar esta mesma mañá a creación dunha plataforma para a xestión e difusión dos datos xeográficos de carácter turístico e patrimonial: unha actuación integrada no macroproxecto Riveira Atlántica 2015 que aupará ao municipio ao exclusivo grupo das Smart Cities: urbes que fan uso das últimas tecnoloxías para compoñer un modelo de cidade máis participativo e eficiente na súa xestión.

De entre as catorce ofertas presentadas na fase de licitación, a empresa Avansig, S.L.L., resultou a entidade adxudicataria. O prezo total do contrato ascende a 102.547,50 euros e o prazo máximo para a realización dos traballos é de 153 días naturais.

De carácter única e integral, a plataforma permitirá xestionar e difundir os datos xeográficos de carácter turístico e patrimonial do municipio, ao tempo que servirá igualmente para a xestión dos servizos urbanos do Concello de Riveira.

Códigos QR

O abano de posibilidades que proporciona esta ferramenta son múltiples e diferenciados segundo o perfil de usuario.

Así, empregando o seu móbil un visitante poderá obter información turística sobre un determinado punto de interese grazas á implantación no mesmo dun código QR de realidade aumentada. Por suposto, tamén poderá coñecer os servizos que hai a súa disposición, consultar mapas… e mesmo reservar o seu aloxamento despois de realizar unha busca utilizando distintos parámetros, como o prezo máximo desexado ou o tipo de habitación.

Promoción comercial

Pola súa parte, calquera comerciante do municipio poderá recurrir a esta plataforma para publicitar o seu negocio e divulgar os seus artigos, en tanto que un cidadán terá a oportunidade xa non só de consultar a información que lle interese en relación a un servizo, evento ou lugar determinados, senón tamén de interactuar coa administración e notificarlle incidencias, peticiones de recollida de residuos… incluso a través do móbil mediante unha aplicación de participación cidadá.

Pola súa parte, a Administración poderá controlar o funcionamento de servizos básicos como a recollida de lixo ou a iluminación pública, detectando posibles carencias a efectos de implementar melloras conducentes a unha xestión máis eficaz.

A plataforma será confeccionada en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e estará baseada en tecnoloxías libres e de código aberto, o que repercutirá na independencia tecnolóxica e un baixo de mantemento para as arcas do Concello. As dúas aplicacións móbiles previstas (a de turismo e a de participación cidadá) serán compatibles cos sistemas iOS e Android.

Unha vez rematen os traballos de creación da plataforma, incluíndo os correspodentes cursos de formación aos empregados municipais, será o propio Concello o que manteña a información actualizada e integrada nunha base de datos común, que facilitará o control da información e permitirá ás distintas áreas administrativas consultar a información territorial, actualizala e mesmo ampliala se é o caso.

2 de maio de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.