O centro cultural Lustres Rivas de Riveira abre as súas portas cunha exposición de gravados de Dalí
Como pistoletazo de saída do Xuño da Cultura e as Artes 2013, o Concello de Riveira inaugurará este sábado 1 de xuño, a partir das 13 horas, o chamado a ser espazo cultural de referencia na cidade: o Centro Cultural Lustres Rivas.
Este centro comprende, ademais da Biblioteca Municipal, unha zona de oficinas para os traballadores da Concellería de Cultura, un salón de actos para dar cabida a cursos, conferencias ou presentacións de libros e unha nova sala de exposicións.
A sala de exposicións inaugurarase nun acto público coa mostra dun dos últimos xenios da historia do arte: Salvador Dalí. A mostra, que se prolongará ata o 12 de xullo, titúlase Os Caprichos de Goya de Dalí e está formada por 80 gravados procedentes dos fondos da Fundación Museo do Gravado de Artes.
O traballo de Salvador Dalí (Figueres, 1904-Barcelona, 1989) é incriblemente extenso e versátil, xa que a súa obra abarca todas as disciplinas imaxinables e en todas elas deixa a súa inequívoca marca persoal.
Unha das súas facetas quizais menos coñecidas é a de ilustrador, na que é evidente a súa capacidade creativa propia do que, probablemente, é o último gran xenio na historia da arte do século XX.
A serie Los Caprichos de Goya de Dalí (1973-1977) componse de 80 estampas en augaforte e augatinta creadas sobre Los Caprichos de Goya de 1799. Dalí engade cor ás súas liñas e incorpora, por medio do heliogravado, elementos propios facilmente distinguibles dos trazos orixinais. Intervén nas pranchas orixinais asinando en paralelo con Goya o cal supón que Dalí recoñece a autoridade e autoría do xenio aragonés. Tamén cambia os títulos ou xoga coas palabras que os compoñen, afondando na crítica ou facéndoa máis contemporánea.
Goya chamara ás súas estampas “Asuntos caprichosos que se prestaban a presentar las cosas en ridículo, fustigar prejuicios, imposturas e hipocresías consagradas por el tiempo”.
A diferenza con Goya é que a Dalí non o move a crítica social; móveo a súa megalomanía e notoriedade, sustentada en parte na extravagancia e a provocación. O subconsciente de Dalí non proxecta monstros como crítica social, é o disparate polo disparate, do xeito surrealista, como proxección das súas fantasías, os seus medos e, en definitiva, da súa paranoia persoal.
DATAS E HORARIO DE EXPOSICIÓN: do 1 de xuño ao 12 de xullo de 2013.
Horario: de luns a venres de 10 a 13 e de 17 a 19 h.
Visitas guiadas os días 5, 11, 18 e 25 as 20 h. a cargo de Pilar Casas Gil, responsable do Museo Municipal de Riveira. Reserva previa cita: museo@riveira.com e 981 87 35 95