publicidade hoxe

O auditorio de Riveira exhibe unha mostra na que 25 artistas actuais ilustran poemas de Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+
Unha das obras ilustradas

Unha das obras ilustradas

O Auditorio Municipal de Riveira acolle dende a noite de onte unha nova exposición titulada “Rosalía Ilustrada”, que exhibe as creacións gráficas realizadas por 25 coñecidos artistas contemporáneos para ilustrar outros tantos poemas de Rosalía de Castro pertencentes ás tres obras fundamentais: “En las orillas del Sar”, “Cantares Gallegos” e “Follas Novas”.

O acto oficial de apertura contou coa intervención do alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, e da vocal da Fundación Rosalía de Castro, a noiesa Ana Blanco Gómez. Tamén participaron no acontecemento as concelleiras de Educación e Cultura, Mª Carmen Vizcaya e Elvira Pisos; ademais da responsable do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín, quen exerceu de presentadora do mesmo.

Ruiz Rivas salientou a determinación do Concello de ofrecer esta exposición, precisamente no ano en que se cumpren os 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”, na confianza de que con esta efeméride moitos veciños se animen a descubrir ou redescubrir a obra rosaliana.

Pola súa parte, Ana Blanco expresou a esperanza da Fundación da que forma parte de que grazas a esta exposición se poda coñecer unha Rosalía nova, a desvelada por algúns dos máis relevantes creadores de Galicia no novo século.

O acto aínda daría pé á lectura de tres poemas de Rosalía de Castro: “A xustiza pola man” e “Xan”, declamados por Ana Blanco; e “Mar”, por Alicia Padín.

Os ilustradores participantes na exposición son: Xaquín Marín, Xosé Cobas, Fran Jaraba, Nacho Hortas, Ánxeles Ferrer, Suso Cubeiro, María Fe Quesada, Manuel Uhía, Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, Xan López Domínguez, Fausto, Norberto Fernández, Fran Bueno, Jacobo Fernández, Andrés Meixide, Kiko da Silva, Pablo Otero Peixe, Primitivo Marcos, Miguel Robledo, Fernando Iglesias, Federico Fernández Alonso, Óscar Villán, Fino Lorenzo e Raquel González.

A exposición, que forma parte da programación do Maio Cultural de Riveira, estará aberta ata o día 23 deste mes, en horario de luns a venres de 10 a 14 horas, e os martes e mércores tamén de 18 a 20.30 horas.

7 de maio de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.