publicidade hoxe

Gloria Lijó erixiuse na gran protagonista da emotiva presentación do libro “Matriarcas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Mesa presidencial

Mesa presidencial

A programación do Maio Cultural de Riveira arrancou a pasada fin de semana coa presentación do libro “Matriarcas”, da escritora arousana Montse Fajardo, que recolle as testemuñas de dez mulleres de distintos puntos de Galicia que, contando a súa vida, destripan a realidade do matriarcado que sostiña a sociedade galega de posguerra.

A veciña Gloria Lijó erixiuse na gran protagonista do acto celebrado no Auditorio Municipal, xa que a ela está dedicado o primeiro capítulo do libro de Fajardo: un capítulo que foi recreado na súa integridade polos actores do Grupo Municipal de Teatro de Riveira, dando conta das distintas etapas que marcaron a intensa peripecia vital de Lijó Cacharrón: a súa durísima infancia en Castiñeiras, a súa mocidade, os anos que pasou como tripulante nun petroleiro noruegués, a volta ao fogar, a desventura dos primeiros anos como empresaria armadora, a súa experiencia como primeira muller enrolada nun palangreiro que faenaba en Marrocos ou, xa nos últimos anos, a súa participación televisiva da man de Ana Kiro e ás súas fazañas no mundo da natación, deporte que aprendeu aos 49 anos, do que chegou a ser campioa de España en distintas distancias.

Unha Gloria Lijó visiblemente emocionada manifestou  que a súa foi unha vida sinxela, como a doutra muller calquera naqueles tempos, e dou as grazas á toda a xente que lle axudou  nos tempos máis difíciles.

O acto tamén contou coas palabras de Montse Fajardo, quen relatou como coñeceu por casualidade a través dun vídeo algunhas das vivencias de Gloria Lijó e, despois da súa entrevista con ela, quedou cativada pola súa infancia.

Finalmente, o alcalde Manuel Ruiz salientou o exemplo de superación que ofrecen nos tempos actuais casos como os de Gloria Lijó e outras mulleres anónimas da sociedade riveirense.

Natural de Vilargarcía, a autora, Montse Fajardo, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, ten un master en Dereito das Administracións e Institucións Públicas mais exerce a súa carreira profesional no ámbito do xornalismo.

“Matriarcas” recolle a vida de dez mulleres. Entre elas, unha mestra do rural de Ourense, unha política e concelleira de Lugo, a traballadora dunha fábrica viguesa,  unha emigrante retornada de Uruguai, unha parteira centenaria, familiares de represaliados no 36 ou unha xornalista compostelá.

6 de maio de 2013 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.