publicidade hoxe

Comezan as obras de reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Inicio das obras

Inicio das obras

O Concello de Riveira informa do inicio das obras de reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso: unha actuación que está a ser desenvolvida pola empresa Acciona Infraestructuras, S.A. O prezo de adxudicación da actuación é de 442.944,02 euros, IVE incluído, e o prazo de execución, de 120 días naturais.

Esta demandada e ambiciosa obra inclúe a renovación do colector de saneamento instalado ao principio do trazado e o reforzo da cimentación desta parte do muro, a construción dun carril bici que conecta o xa existente con As Carolinas, a construción de dous voladizos-miradoiros (un de 40 e o outro de 80 metros de longo) para compensar a subsecuente redución de espazo peonil derivada do carril bici, escalinatas remozadas á praia, a substitución da varanda metálica exterior, a restauración dos perpiaños desprendidos e a reposición de todas as lousas que estean en mal estado ao longo do paseo.

Disfrute dos peóns

Así pois, a maior parte das accións descritas céntranse na primeira parte do paseo, e co fin de garantir o seu uso e disfrute  por parte de veciños e visitantes, a actuación vaise realizar por tramos, e sempre asegurando un mínimo de dous metros de ancho para o tránsito dos peóns no tramo en que se actúe. De feito, xa foi delimitada e acotada a zona máis próxima á prazoleta onde se exhibe a pedra volcánica de Adeje. No resto do paseo non se ocasionarán molestias, ao tratarse de actuacións puntuais de reposición daquelas lousas rotas ou deterioradas.

Afondando no proxecto previsto, vaise instalar unha nova tubaxe de saneamento de 225 metros lineais feito de polietileno corrugado e con 500 milímetros de diámetro. Estará protexida por unha envoltura de formigón que, a diferenza do que acontece actualmente (hai separación entre colector e muro), irá adosada ao propio paseo, actuando así como un importante reforzo da súa cimentación.

O novo trazado do colector afectará tamén ás escaleiras de acceso, de tal xeito que se construirán outras novas recuperando os perpiaños e peldaños de granito das antigas. Terán un deseño semellante ao actual, pero cun trazo recto. Tamén se restaurarán os perpiaños danados ou fóra de sitio do muro.

Unha das grandes novidades do proxecto é a dotación ao tramo inicial dun carril bici que vai enlazar co que xa existe na zona central e se conectará co futuro carril do Paseo das Carolinas. O propósito último do Goberno Local é introducir gradualmente un trazado ciclista integrado no borde litoral, tal e como se desprende por exemplo do proxecto do paseo de O Touro tamén adxudicado.

Co fin de compensar a redución de espazo peonil a raíz do carril bici e de facilitar as vistas á ría, instalaranse dous voladizos-miradoiros. O primeiro deles, de 40 metros de lonxitude, estará situado á altura da baixada da rúa da Insua, mentres que o segundo, de 80 metros, construirase entre as dúas escalinatas centrais que dan á praia, entre os accesos das rúas Noro e Lajareu. Os voladizos serán pavimentados con lousas de granito abuxardado gris Mondariz de dimensións de 60×40 centímetros.

A introdución do carril bici vai significar a desmontaxe de máis de 1.200 metros cadrados de lousas de granito, o que permitirá o seu aproveitamento para renovar as lousas rotas do paseo marítimo en toda a súa lonxitude. Tamén se utilizarán estas lousas nos puntos de conexión do colector xeral proxectado cos ramais das rúas perpendiculares ao paseo que se conectan con esta condución.

Por último, a varanda metálica exterior será substituída por outra máis lixeira e transparente que posibilite contemplar o mar dende todos os puntos do paseo.

10 de maio de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.